domingo 12.07.2020
Política

A Xunta estuda cobrar ás residencias intervidas

O Goberno galego acorda reducir o dispositivo antiincendios
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: David Cabezón)

O Goberno galego estuda cobrar ás compañías propietarias das residencias privadas intervidas durante a pandemia do coronavirus os custos derivados desta actuación. Segundo sinalou Alberto Núñez Feixoo, en resposta a unha pregunta formulada por Nós Diario, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, “non imos asumir os custos das residencias privadas”.

“Os custos adicionais nos que incorremos nas residencias privadas”, en referencia a aquelas intervidas durante a emerxencia sanitaria, “haberá que sentar e ver como se liquidan. Non son custos da Xunta, senón obrigas das empresas privada”, acrecentou.

Os centros de maiores nos que tivo que tomar o control a Xunta da Galiza durante a pandemia, diante da situación que se viviu debido ás deficiencias na súa xestión, foron os xeriátricos de DomusVi Aldán, en Cangas, e do Barreiro, en Vigo; así como a residencia A Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras.

As dúas primeiras foron intervidas o 30 de marzo e a terceira o 12 de abril, continuando actualmente nesta situación. Segundo puido saber Nós Diario, a intención do Goberno galego é devolver a xestión ás empresas titulares o vindeiro 30 de maio, aspecto que está a provocar unha importante preocupación entre as residentes e as súas familiares.

Pladiga 2020

Na rolda de prensa posterior ao Consello, Feixoo deu a coñecer o Plan de prevención e defensa contra os incendios de Galiza (Pladiga) para 2020. O operativo desta tempada reduce de 71 a 28 as chamadas parroquias de alta actividade incendiaria, que son as máis vulnerábeis ante os lumes forestais.

O mandatario galego agarda que o plano se aprobe definitivamente “no mesmo mes de maio", unha vez que sexa sometido á valoración do Consello Forestal da Galiza. Feixoo volveu realizar boa parte da súa intervención televisada en chave electoral e apostou de novo nunha redución do tempo de campaña. “Está enriba da mesa acurtar a campaña. Se o resto de forzas queren, o PP debería aceptalo. Dá a sensación de que hai forzas que non querían eleccións e porén xa tiñan pagada publicidade en radios e prensa. Non é disparatado pensar que a situación sanitaria aconselle reducir a campaña”, sinalou Feixoo.

Sen plan de seguridade

O presidente da Xunta volveu recoñecer na rolda de prensa que Galiza carece a esta altura dun protocolo sanitario para garantir a seguridade das eleccións.

comentarios