A Xunta nega "complicidade" coas eléctricas e "colaborará" coa Xustiza tras a paralización dun novo eólico de Greenalia

"Creo que debería comprarse un paraugas ben grande, un sete parroquias, non polo temporal que está a caer senón polo vendaval xudicial de sentenzas que botan abaixo a política eólica do Partido Popular", díxolle o nacionalista Luís Bará ao vicepresidente primeiro, Francisco Conde.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento (Foto: Xoán Crespo).
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento. (Foto: Xoán Crespo)

O Goberno galego adoptará medidas cautelares e mostrará a súa "disposición para colaborar" logo de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decretase a paralización cautelar da construción doutro parque eólico da compañía Greenalia, neste caso o denominado Bustelo, proxectado entre os municipios de Coristanco e Carballo.

En resposta a unha interpelación do BNG no pleno do Parlamento, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, negou ademais "complicidade coas eléctricas" e rexeitou que os nacionalistas fagan "ataques a empresas que son referente". Neste senso, o deputado do Bloque Luís Bará acusou o Goberno de "abuso de poder" e "trato de favor" nunha intervención na que se referiu a Greenalia como "a empresa dos portalóns xiratorios".

"Creo que debería comprarse un paraugas ben grande, un sete parroquias, non polo temporal que está a caer senón polo vendaval xudicial de sentenzas que botan abaixo a política eólica do Partido Popular", espetou o parlamentario nacionalista ao comezo da súa interpelación. Así, citou en concreto os veredictos sobre os parques Oribio, Sasdónigas, Corme, Campelo e Bustelo, antes de advertir de que "virán máis" parques afectados por resolucións xudiciais.

"Son nomes que simbolizan o abuso, o espolio, a depredación, pero tamén a dignidade dunha sociedade que é capaz de plantarlle cara", subliñou Bará. Neste sentido, ante o "mal" que "xa está feito", que denominou "ecocidio", resaltou que é a Xunta a que debe responder: "Son vostedes quen o teñen que reparar", incidiu.

Exemplo "de libro" de fragmentación, di Bará

Bará apuntou a "moitos proxectos promovidos por Greenalia, a empresa dos portalóns xiratorios", para reiterar que a Xustiza decretou "a suspensión cautelar" de Bustelo e Campelo "e proximamente sairá a de [Monte] Toural", o terceiro dos parques que conformarían o complexo eólico que Greenalia prevé erguer entre Carballo, Coristanco, Santa Comba e Tordoia.

Son, segundo recalcou, "un exemplo de libro de fragmentación dun único parque en tres". "Son as mesmas poligonais unha sobre a outra", precisou. "110 megawatts divididos en tres para pasar o dromedario polo ollo da agulla", insistiu, á vez que expuxo que "a suspensión cautelar adóptase pola mesma razón pola que se decretou a de Corme [para repotenciar o parque]".

"Fixeron unha modificación legal para reducir o prazo de 30 a 15 días, cousa que foi declarada ilegal polo TSXG porque é unha vulneración dos dereitos dos cidadáns á participación", dixo. Nesta liña, denunciou "trato de favor a Greenalia" e asegurou que "esta empresa utilizou información privilexiada da Xunta" referida a informes sobre especies. Ademais, engadiu, "a señora [ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz] Mato sentaba nos Consellos da Xunta, participou na tramitación [...] por tanto, non podería ser conselleira de Greenalia", afirmou.

"Viven na súa burbulla", responde Conde

Pola súa parte, Conde, que cifrou en máis de 2.400 os informes en relación con proxectos eólicos que emitiu a Xunta nos dous últimos anos, asegurou que o Executivo vai respectar as decisións xudiciais e mostrou a súa disposición a colaborar coa Xustiza. Así, engadiu que foi o que a Xunta xa "fixo" co parque Oribio en outubro de 2019, con Sasdónigas e máis con Corme. "E farémolo tamén cos de Campelo e Bustelo, adoptando as medidas cautelares", resolveu.

Na súa quenda de resposta, o vicepresidente económico tamén pediu "un pouco máis de mesura" ao deputado do BNG e acusou o seu partido de entender que "a verdade é a súa". "Queren impor o seu modelo eólico e o demais está fóra da lei, pero non é así", sinalou, para logo engadir: "O único que é certo é que o BNG si está instalado no ecoloxismo radical, e o BNG é o abandeirado desa plataforma Stop Eólicos".

Nesta liña, reprochoulle estar "permanentemente detrás da pancarta negando que a Galiza poida avanzar a través dun equilibrio entre o progreso e o medio ambiente". Conde reivindicou o cumprimento da normativa e agregou que "os promotores saben que teñen que cumprir" cuestións como que está "prohibido" instalar parques en Rede Natura.

Lembrou que o Goberno galego impuxo unha moratoria "para tramitar con máximas garantías 300 expedientes" e ampliou as distancias límite entre aeroxeradores e núcleos de poboación, alén de dar "prioridade a aqueles proxectos que cando menos dediquen 50% da enerxía a industria asentada na Galiza".

"Viven na súa burbulla nacionalista e todo o que traspase esa burbulla non existe", espetoulle, antes de aclarar que "tramitar non significa autorizar, significa ser unha administración que cumpre coa legalidade". "Declarar de especial interese tampouco significa autorizar", concluíu Conde.

Comentarios