A Xunta Eleitoral rexeita o recurso de UPyD e dá a razón ao BNG: Ana Miranda si existe

"Ana Miranda non existe", é un ente de ficción, chegou a brincar o BNG ante o recurso de UPyD, que argumentaba que a formación nacionalista non obtivera representación en 2009.

Ana Miranda mitin Ribeira2
photo_camera Ana Miranda si existe

De acordo cun teletipo de Europa Press, que cita o BNG como fonte, a Xunta Eleitoral Provincial de A Coruña tería desestimado o recurso de UPyD en que se pedía a exclusión do BNG da cobertura informativa da campaña eleitoral co argumento de a formación liderada por Xavier Vence non ter a consideración de "forza parlamentar".

Baseaba o seu recurso UPyD en que, segundo a Xunta Eleitoral Central, o escano obtido en 2009 pola coligación en que estaba integrado o BNG pertencía en realidade a ERC. Porén, ese escano foi rotatorio e Ana Miranda si foi, por espazo de 18 meses, eurodeputada.

Resposta irónica do BNG

O BNG reaxiu con ironía perante o recurso de UPyD e chegou a afirmar nas redes sociais que Ana Miranda non existía e que o material audiovisual que testemuñaba a súa presenza en Bruxelas e Estrasburgo era só unha montaxe para, sen ter dereito, coarse nos informativos da galega. A brincadeira tivo muito suceso nas redes esta fin de semana.

UPyD aduciu que non tencionaba censurar a ninguén, senón só garantir so seu dereito a "estar representada na cobertura informativa dun ente público".

A CRTVG sempre tivo como referencia para a súa cobertura informativa o seu ámbito de difusión, isto é, o territorio galego. Nel, UPyD foi en 2009 unha forza politicamente marxinal, con arredor de 15 mil votos. UPyD, aliás, non está representada no Parlamento Galego. En 2009, o BNG obtivo 103 mil votos e conseguiu escano, através da coligación coa que se presentou ás eleccións.

Comentarios