A Xunta Eleitoral dá a razón a UPyD e marxina o BNG da campaña na CRTVG

Consúmase a exclusión do BNG nos espazos informativos da TVG. A Xunta Eleitoral Central estima parcialmente o recurso de UpyD e entende que o BNG non se presentou ás eleccións en 2009. Ou sexa: a XEC actúa co criterio de que Ana Miranda non existiu como parlamentaria. O BNG convoca un acto de protesto esta cuarta feira no Obradoiro (12 h).

bng censura
photo_camera bng censura

A acción de UPyD perseguía basicamente dúas cousas. Primeira, ser obxecto de atención por parte dos servizos informativos da TVG e da RG, na campaña eleitoral. Segunda, a exclusión do BNG da información sobre a campaña [neste momento, nos blocos de información eleitoral, ao BNG dedícanselle 27 segundos sobre un total de 5 minutos].

Nunha primeira instancia, o recurso de UPyD contra o plano de cobertura aprobado pola CRTVG foi rexeitado pola Xunta Eleitoral Provincial de A Coruña. Mais o partido de Rosa Díez apelou á Xunta Eleitoral Central. Esta instancia dálle agora parcialmente a razón, e faino xusto no que ten a ver coa exclusión do BNG dos blocos informativos eleitorais.

Entende a XEC que UPyD non ten direito á atención informativa por parte da CRTVG porque en 2009, nas eleccións europeas anteriores, apenas obtivo un 1,24% dos votos emitidos nas 4 provincias galegas.

O BNG denuncia o "silenciamento" do que serán vítimas as 103.724 persoas que votaron a formación nacionalista galega en 2009

Mais a XEC si estima o recurso de UPyD no que di respeito ao BNG. Aquí a Xunta Eleitoral aplica o criterio de que en 2009 o BNG non se presentou como tal, senón como parte dunha coligación, Europa dos Pobos, encabezada por un candidato de ERC. A XEC atribúe o escano obtido por esa coligación a ERC.

Considera a XEC que non existe continuidade entre esa coligación e Os Pobos Deciden, a candidatura coa que agora concorre o BNG a estas eleccións.

Así, a XEC ordena á Xunta Eleitoral Provincial que "corrixa" o plano de cobertura aprobada pola CRTVG, o que significa que a Administración eleitoral, facultada para así o facer, se porá en marcha para que na programación dos meios públicos galegos non se outorgue ao BNG condición de forza parlamentaria a efeitos das eleccións europeas.

A Xunta Eleitoral Provincial da Coruña reunirase previsibelmente esta cuarta feira para tomar coñecimento desta resolución da XEC.

2009

A resolución da XEC é contraditoria no sentido de que por unha banda apela ao ámbito de difusión da CRTVG -Galiza- para non considerar axustada á dereito a pretensión de UPyD de ser obxecto de atención informativa, mentres que, por outra, nega a evidencia de que os votos en 2009 a Europa dos Pobos nas 4 provincias galegas non foron para ERC, senón para o Bloque Nacionalista Galego.

A XEC actúa, alén do máis, facendo abstracción da evidencia empírica de que o BNG si foi forza parlamentaria durante a lexislatura anterior en Bruxelas, con Ana Miranda como eurodeputada.

Estamos, aliás, perante unha decisión que pon en evidencia as insuficiencias do autogoberno de Galiza: unha instancia xudicial estatal revoga a decisión da Xunta Eleitoral Provincial e ordena aos meios públicos galegos que modifiquen o seu plano de cobertura para excluír a unha forza política que ten grupo parlamentar propio no Parlamento de Galiza, o BNG.

Avaliación de urxencia

Nunha primeira avaliación de urxencia, o BNG -alén de convocar un acto de protesto para esta cuarta feira ás 12 h no Obradoiro- denuncia o que considera o "silenciamento" dos "103.724 galegos e galegas" que votaron pola formación frentista en 2009.

Comentarios