A Xunta Electoral volve pedir ao PP que non use o "emblema da Xunta", agora na web de Feixoo

A Xunta Electoral Galega volveu pedir ao PP que non use o emblema da Xunta da Galiza, desta vez na web do seu candidato, Alberto Núñez Feixoo. Así resolveu ante unha denuncia do PSdeG.

Alberto Núñez Feixoo no inicio de campaña nos Peares.
photo_camera Alberto Núñez Feixoo no inicio de campaña nos Peares.

A Xunta Electoral Galega volveu advertir ao Partido Popular de que non use o emblema da Xunta da Galiza, desta volta na páxina web do candidato Alberto Núñez Feijóo. 

Na súa resolución, a Xunta Electoral Galega estima parcialmente a denuncia presentada polo PSdeG e reafírmase no criterio xa expresado con respecto ao vídeo promocional do PP lanzado para os comicios do 5 de abril que foron posteriormente cancelados.

Así, ratifícase en que "o uso do emblema Xunta da Galiza na web do candidato do PP pode causar confusión nos electores", de maneira que ordena retiralo da páxina. 

Na súa argumentación, a Xunta Electoral entende que, "sen cuestionar a difusión por un partido político dos logros ou actuacións levadas a cabo polo Goberno autonómico, nin a difusión das imaxes do presidente da Xunta e candidato", o que se "cuestiona" é a "apropiación dunha institución galega, a Xunta da Galiza, nun vídeo de presentación do candidato do Partido Popular", dicía, entón, o órgano na súa argumentación para a resolución do vídeo promocional do 5 de abril, e na que agora se ratifica.

Así, a decisión vén motivada na "posíbel confusión implícita que nos electores puidese provocar a difusión do vídeo entre a entidade política 'Partido Popular' e a institución autonómica 'Xunta da Galiza',  máxime, cando aínda non se iniciou a campaña electoral", agregaba.

Unha vez examinada a denuncia presentada e as alegacións formuladas, a Xunta Electoral "asume o criterio adoptado" no acordo do 6 de marzo de 2020 respecto diso do vídeo promocional e que se explicou, pero agora con respecto á actual denuncia.

Comentarios