A Xunta Electoral require á TVG manter a neutralidade informativa

A Xunta Electoral da Galiza dá a razón a un recurso presentado polo Bloque Nacionalista Galego no que este insta á TVG a "cesar inmediatamente o trato discriminatorio" contra o BNG e a súa candidata, Ana Pontón. 
 
Plató da CRTVG (arquivo).
photo_camera Plató da CRTVG (arquivo).

A resolución da Xunta Electoral desta segunda feira, 22 de xuño, resolve a favor do Bloque e lembra ao medio público "o deber legal de cumprir os principios recollidos" na lei electoral e acorda "requirir á CRTVG a que se respecte a neutralidade informativa tamén no período electoral previo ao inicio da campaña".

O BNG presentara un recurso logo de que os días 16, 17 e 19 de xuño, no telexornal do mediodía, se dese conta de actos de cada formación política, mesmo das que non teñen representación, seguidas de declaracións de candidatos, salvo no caso do BNG, onde as noticias foron narradas por unha voz xornalística en off.

Segundo apercibimento á Deputación de Ourense

A Xunta Electoral Provincial de Ourense volveu apercibir por segunda vez a Deputación que preside o popular Manuel Baltar por unha nota informativa colgada no portal web da institución en relación ás e aos profesionais autónomos e que o PSdeG denunciou por "partidista". O Partido Socialista xa informara o pasado 11 de xuño de que presentara unha denuncia contra o presidente do PP ourensán e da Deputación ante a xunta electoral "polo uso partidista e propagandístico" da web e das redes sociais oficiais do ente provincial. O motivo está na nota pendura do portal www.depourense.gal, que leva por titular: "O PSOE de Ourense, en contra dos autónomos". Desde o Partido Socialista tamén sinalaron que as contas oficiais en redes sociais da Deputación difundiron publicacións coa mesma mensaxe.

Agora a Xunta Electoral Provincial requiriu á Deputación para que "se ateña ao acordado" previamente e proceda a reducir "ao puro contido institucional" a información e, se iso non for posíbel, que proceda á súa retirada. 
A Deputación presentou un documento de alegacións sinalando que, de acordo coa primeira orde de "retirar o titular", mudouse "O PSOE de Ourense, en contra dos autónomos" por "Rodríguez Villarino, en contra dos autónomos".Rafael Rodríguez Villarino é o líder do PSdeG ourensán.

Nun comunicado, o PSdeG ourensán criticou a actitude de Baltar, ao que acusan de "ignorar con absoluto descaro a autoridade electoral e de seguir incumprindo a lei converténdose nun reincidente".
 

Comentarios