A Xunta Electoral ordena ao Goberno galego retirar da súa web información dunha obra con valoracións "electoralistas"

Estimou parcialmente unha denuncia do BNG a raíz da licitación das obras da Fase 0 do novo CHUAC.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, comparecen en rolda de prensa telemática para informar sobre o Plan director do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Estarán acompañados polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.
photo_camera A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, comparecen en rolda de prensa telemática para informar sobre o Plan director do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Xunta)

A Xunta Electoral da Galiza (XEG) estimou parcialmente unha denuncia presentada polo BNG en relación á rolda de prensa do pasado 2 de xuño a cargo da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e do conselleiro de Sanidade, sobre a licitación pola Xunta das obras da fase 0 do Plan director do novo CHUAC e á nova publicada na web da Xunta.

A organización nacionalista entendeu que naquela rolda de prensa vulnerouse o artigo 50 da Lorex ao se facer, en período electoral, o que consideraba que era propaganda en base a obras da administración.

Achegaba a ligazón á noticia daquel acto recollida na propia web institucional da Xunta e na que se afirmaba que estabamos perante “a maior obra pública que se ten impulsado na área da Coruña en moitos anos, tanto desde o punto de vista do investimento, como polo seu impacto social”.

En consecuencia, o BNG solicitaba que se requirise ás administracións implicadas “a cesar na realización de actos similares durante o período electoral, a eliminar estas publicacións dos perfís institucionais, así como a incoar o oportuno expediente sancionador por contravir o artigo 50.2 da LOREX”.

Agora, a XEG, e despois de valorar as alegacións presentadas pola propia Xunta, acordou estimar parcialmente a denuncia e pedir á Administración galega que retire a expresión antes citada da súa web institucional.

"A expresión “É a maior obra pública que se ten impulsado na área da Coruña en moitos anos, tanto desde o punto de vista do investimento, como polo seu impacto social”, constitúe un xuízo de valor polo que se eloxia unha actuación da Administración autonómica que, consecuentemente, excede dos límites dunha simple información sobre unha actuación administrativa durante o período electoral”, conclúe a Xunta Electoral.

Para a XEG, o período electoral "non impide a información sempre que se limite estritamente a proporcionar aquela que sexa de interese xeral (Ac. XEC do 14 de abril de 2011) ou que sexa útil, carente de valoracións electoralistas e enmarcada dentro dunha campaña informativa específica".

Comentarios