Eleccións

A Xunta Electoral estima a denuncia do PP sobre que o PSdeG fixo campaña o 8-M

Recomendan ao PSdeG que se absteña de incluír mensaxes electorais nos medios de comunicación antes de que comece a campaña electoral, ou poderá ser sancionado pola Xunta Electoral.
O candidato dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero (Arxina).
photo_camera O candidato dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero (Arxina).

A Xunta Electoral da Galiza advirte ao PSdeG do risco de sanción ante a denuncia do Partido Popular pola publicación dun anuncio en varios xornais galegos que é considerado "propaganda electoral" por este órgano regulador dos comicios galegos do vindeiro 5 de abril.

O Partido Popular denunciou ante a Xunta Electoral galega ao PSdeG pola publicación, o pasado 8 de marzo, día da muller, dunha serie de anuncios "coa finalidade de promocionar a imaxe persoal do candidato á presidencia da Xunta por esa entidade política" en varios medios de comunicación privados.

O PSdeG defende "a actividade ordinaria política do partido, na que non se expresa nin directa nin indirectamente a petición de voto" e solicita o arquivo da denuncia. Con todo, a Xunta Electoral estima a denuncia do PP e refírese aos artigos 51 e 53 da Lei do Réxime Electoral Xeral (Lorex) que se refiren, respectivamente, á duración da propia campaña electoral e ao período de prohibición de campaña electoral.

Desta maneira, a Xunta Electoral da Galiza manifesta que, tendo en conta a doutrina da Xunta Electoral Central, o contido dos anuncios publicados polo PSdeG o pasado 8 de marzo "supera a actividade ordinaria dun partido político, invadindo o ámbito do conceptuado por propaganda electoral".

Así, declaran que resulta "especialmente relevante" que na información publicada "se exhiba de maneira destacada non só a condición de candidato á Presidencia da Xunta por ese partido político [Gonzalo Caballero], senón tamén inclúe un texto que non pode cualificarse de simplemente informativo", explican, "senón que ten claras connotacións electoralistas polo seu carácter persuasivo".

"A inclusión destas mensaxes nun medio de comunicación privado por parte desa entidade política que concorre ás eleccións, é unha actuación contraria á normativa electoral", resolve a Xunta Electoral da Galiza, que recomenda ao PSdeG que se "absteña" de cometer actos desta natureza até que se inicie o período de campaña electoral.

No caso de que o PSdeG, que pode recorrer esta resolución, incida nestas accións a Xunta Electoral advirte de que ao "reincidir" as socialistas poderán recibir un "expediente sancionador".

Comentarios