A Xunta Electoral decide hoxe sobre a suspensión das eleccións na Mariña

Os partidos piden que se garanta a seguridade.
Votantes nun colexio de Compostela nas últimas eleccións xerais de 2019 (Europa Press)
photo_camera Votantes nun colexio de Compostela nas últimas eleccións xerais de 2019 (Europa Press)

A convocatoria electoral do 12 de xullo fica condicionada polo rebrote da Covid-19 localizado na comarca da Mariña. Segundo puido saber Nós Diario, a Xunta Electoral resolverá hoxe as alegacións presentadas pola Marea Galeguista e Galicia en Común nas que reclaman garantías do dereito ao sufraxio de todas as galegas e galegos así como a preservación do dereito á saúde.

"O único responsábel é o señor Feixoo e é quen ten quen cumprir co seu mandato", salientou onte o candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, que lle reclamou "transparencia" á Xunta ante o rebrote.

No escrito da Marea Galeguista tamén se contempla a suspensión das votacións nos 14 municipios que integran o distrito sanitario da Mariña (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove) até que a situación estea normalizada.

"Se a Xunta non pode garantir a saúde pública e a seguridade dos cidadáns, así como o pleno dereito ao exercicio do sufraxio, tamén dos positivos en Covid-19, deben aprazarse as eleccións", indicou o candidato da Marea Galeguista, Pancho Casal.

A favor da suspensión tamén se situou o BNG, que xa o domingo incidiu nel como única solución até que o rebrote estea totalmente controlado. "O primeiro é a saúde e unha comarca confinada non está en condicións de realizar unhas eleccións con garantías sanitarias, non se pode obrigar a veciñanza a escoller entre a saúde e o seu dereito democrático a votar e por iso propoñemos adiar as eleccións até que se poida ir ás urnas con todas as garantías sanitarias", salientou a candidata, Ana Pontón.

"Hai unha situación de risco e cremos que ao Goberno da Xunta fóiselle das mans o que está a ocorrer", sostivo o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen lembrou que o Executivo galego "ten todas as competencias" e criticou que Feixoo "non fixese nada" desde o 24 de xuño (cando comezou a haber datos do rebrote) até onte. O socialista non quixo manifestar o seu apoio á suspensión electoral na comarca, como tampouco o consideran preciso desde Galicia en Común, e avanzou que tomarán decisións despois de que compareza Feixoo.

Dereito fundamental

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, sinalou durante o seu anuncio do fechamento da comarca que "un positivo non pode" ir votar o día 12, mais que unha persoa en corentena por ter mantido un contacto con alguén con coronavirus "pode, con máscara, ir ao colexio e volver á casa a continuar a corentena".

Porén, o dereito a voto escápase do radio de acción de Almuiña, pois trátase dun dereito fundamental recollido na Constitución do Estado, que só pode ser privado de maneira individual por sentenza xudicial.

Desta maneira, na Mariña, onde na última actualización da Xunta había 119 casos activos de Covid-19 polo rebrote, poderíase proceder como cando se suspende a votación nunha mesa electoral por motivo dunha incidencia e se reanuda a votación unha vez resolto o asunto. A decisión está en mans da Xunta Electoral e afecta 70.000 galegas e galegos que permanecen illadas até a sexta feira, data na que o Sergas "revisará" se hai que "manter, ampliar ou reducir" as medidas, segundo trasladou onte o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa.

Comparecencia na Cámara

Os grupos da oposición na Cámara galega (PSdeG, Común da Esquerda, BNG e mixto) uníronse onte para solicitar que o presidente da Xunta compareza ante a Deputación Permanente do Parlamento galego para informar do brote de coronavirus.

O candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou que Feixoo afirmase o pasado sábado que o brote na Mariña "estaba controlado" e apuntou que ese mesmo día lle remitiu unha carta na que solicitaba "explicacións" á cidadanía galega, aos alcaldes dos concellos afectados e aos partidos. "É hora de que o presidente da Xunta compareza para explicar o que está a ocorrer na Mariña, por que non tomou medidas antes, por que decretou un confinamento de cinco días cando ningún informe sanitario nin ningunha recomendación epidemiolóxica pode sustentar un confinamento de cinco días cando sabemos que o virus necesita de entre 10 e 15 días para poder ser detectado", aseverou Caballero.

"Que se diga a verdade"

"Ningún interese electoral pode estar por riba da saúde das persoas deste país", evidenciou a candidata do BNG, Ana Pontón, quen reclamou "que se diga á verdade" e que se convoque todas as forzas para dar conta do estado real da situación. "O que non pode pasar é o que vimos co 'Prestige' ou coa crise das vacas tolas, este é un tema suficientemente serio e require pór por diante a saúde, a verdade e unha información transparente ao todo o país. Esa é a preocupación do BNG: a saúde e que non se intente enganar a cidadanía", insistiu Pontón.

Pola súa parte, a candidata de Ciudadanos, Beatriz Pino, tamén emprazou ao resto de aspirantes a presidir a Xunta a unha reunión "urxente" para "acordar as medidas necesarias".

Desde o PP, o único que non suspendeu a campaña na comarca, van "adaptar os actos" na Mariña. Mentres que o seu candidato, Alberto Núñez Feixoo, defendeu que a situación epidemiolóxica da Galiza é "tranquila", rexeitou "facer política cun virus" e pediu "un pouco de proporcionalidade e responsabilidade". Así, reafirmouse en que "canto máis se espere, máis xente visite Galiza e máis fronteiras se sigan abrindo, máis posibilidades hai de brote".

Comentarios