Política

A Xunta Electoral da Galiza di que non lle "corresponde" decidir sobre a suspensión das eleccións na Mariña

O organismo responde que non lle "corresponde" pronunciarse sobre se a poboación dos 14 concellos afectados na Mariña pode acudir ás urnas pasado o rebrote da Covid-19. Marea Galeguista avanzou que vai recorrer a decisión ante a Xunta Electoral Central.
Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).
photo_camera Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).

"Non corresponde a esta Xunta Electoral pronunciarse sobre a suspensión das eleccións na Mariña". Esta é a resolución que emitiu a Xunta Electoral da Galiza perante a solicitude da Marea Galeguista para "a adopción de medidas para asegurar o desenvolvemento da xornada electoral na Mariña e en toda Galiza".

Así, a petición de "suspensión" que reclamaban desde a coalición, no caso de non poder garantir os dereitos democráticos e preservar a saúde das galegas e galegos na cita coas urnas deste domingo, queda en mans da Xunta Electoral Central.

O brote da Covid-19 na Mariña, principalmente localizado en Burela, conta xa con 121 casos activos, tres máis que onte, segundo informou esta terza feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

"Mentres as actividades administrativas, económicas e sociais se desenvolvan con normalidade esta Xunta Electoral da Galiza non entende afectadas as condicións do proceso electoral, a salvo do que poida acordarse, se é o caso, polas autoridades sanitarias", argumenta no seu escrito a Xunta Electoral da Galiza.

A coalición formada por En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista pode recorrer, a través dun recurso de alzada, á Xunta Electoral Central até as 11.30 horas de mañá.

Comentarios