A Xunta Electoral abre expediente contra unha ducia de cargos do PP, entre eles Feijóo e Baltar

O organismo considera que infrinxiron a Lei Electoral no relativo á celebración de actos institucionais durante a campaña, despois dunha denuncia do PSdeG de Ribadavia. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, ou a cabeza de lista dos populares en Ourense, Marisol Díaz, entre os expedientados.

Feijóo con Baltar (Foto: PPdeG)
photo_camera Feijóo con Baltar (Foto: PPdeG)

A Xunta Electoral de Ribadavia vén de iniciar expedientes de sanción contra unha ducia de cargos do Partido Popular galego por realizar actos institucionais prohibidos pola Lei Electoral durante a presente campaña. Entre os expedientados están o candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, segundo confirmaron fontes socialistas a Sermos Galiza

O organismo considera que infrinxiron o artigo 50.2 da Lei Electoral en varios actos celebrados na provincia de Ourense, polo que abriu cinco expedientes contra os representantes populares, que poderán presentar alegacións no prazo máximo de quince días fronte as multas que van dos 300 aos 3.000 euros. A investigación iniciouse despois dunha denuncia do PSdeG de Ribadavia.

No caso de Núñez Feijóo, a denuncia refírese a un acto celebrado co alcalde de Beade, Senén Pousa, tamén expedientado; xunto a eles o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois; a secretaria xeral de Igualdade do PPdeG, Susana López;  a cabeza de lista dos populares por Ourense, Marisol Díaz; o número tres, José González Vázquez, os rexedores de Leiro, Francisco José Fernández Pérez, e de Cenlle, Grabiel Alén Castro; e o deputado, César Fernández Gil.

Fontes socialistas consultadas apuntan que nos próximos días podería aumentar o número de expedientes sancionadores contra o PP.

Fontes socialistas consultadas apuntan que as denuncias recollen unha pequena mostra dos incumprimentos do PP e que nos próximos días podería aumentar o número de expedientes sancionadores.

O artigo da Lei Electoral que terían incumprido os populares estabelece que "sesde a convocatoria das eleccións e até a celebracións das mesmas queda prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou os logros obtidos, ou que utilice imaxes ou expresións conicidentes ou similares ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas concorrentes aos comicios". 

Nota de Sermos: Esta información foi actualizada ás 21.15 horas. 

Comentarios