Coronavirus

A Xunta Electoral "garante" o 5-A mais deixa no "consenso das candidaturas" unha posíbel suspensión

Incide en que "ante a ausencia dunha regulación expresa que autorice calquera aprazamento" das eleccións galegas, "son os mecanismos propios do Estado de dereito e o consenso das candidaturas concorrentes os que deben orientar as decisións".
Colexio electoral na Coruña
photo_camera Colexio electoral na Coruña

A Xunta Electoral manifestou esta quinta feira que "garante", no seo das súas competencias, "o normal desenvolvemento do proceso electoral convocado" para o vindeiro 5 de abril. Así mesmo, incide en que "ante a ausencia dunha regulación expresa que autorice calquera aprazamento" das eleccións galegas, "son os mecanismos propios do Estado de dereito e o consenso das candidaturas concorrentes os que deben orientar as decisións que veñan impostas, se for o caso, polo devir da crise sanitaria".

Neste sentido, o presidente da Xunta e candidato á reelección do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, convocou para a vindeira segunda feira ás representantes de todas as formacións que concorren ao 5-A a unha reunión na que avaliarán o devir da situación a respecto da actual precampaña e da inminente campaña que debería comezar na madrugada do 20 de marzo.

O proceso electoral, segundo explica a Xunta Electoral nun comunicado, "debe desenvolverse no pleno exercicio dos dereitos fundamentais garantidos na Constitución e no Estatuto de Autonomía da Galiza para a garantía do exercicio de autogoberno previsto no artigo un do Estatuto de Autonomía". "As medidas de protección da saúde do corpo electoral condicionan o normal funcionamento do sistema e son presuposto para a súa efectividade", salientan.

Ademais do principio de seguridade xurídica e responsabilidade, a Xunta Electoral tamén apelou ao principio de interdición da arbitrariedade. Trátase dun precepto constitucional que estima contraria a dereito calquera decisión dos poderes públicos que careza de fundamento suficiente, infrinxa principios aos que deben estar sometidas as potestades públicas, incorra en manifesto erro do feito ou estea adoptada de acordo con razoamentos inaceptables pola súa incoherencia outras opcións máis favorables ou porque conducen a resultados absurdos.

Así, a Xunta Electoral, que se reuniu este xoves na sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), determinou que "se deben coidar a necesaria audiencia e participación de todos os suxeitos afectados".

"As consecuencias que poida ter a crise sanitaria sobre a celebración das eleccións deben ser valoradas polos órganos que teñen atribuídas as competencias sobre o normal desenvolvemento do proceso electoral e o seu control coa perspectiva última de garantir a vontade o pobo galego manifestada a través das eleccións", recolle o comunicado.

Comentarios