A Xunta implanta unha "tripla comprobación" de notificacións após perder 300.000 euros por non responder un aviso xudicial

O pasado ano o Goberno galego tivo que desembolsar esa contía por esquecer dar resposta a unha notificación xudicial referida aos xuros do sobrecusto da Cidade da Cultura.
Cidade da Cultura de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cidade da Cultura de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A directora xeral da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega), Mar Pereira, explicou esta cuarta feira que a Xunta da Galiza vén de estabelecer unha tripla comprobación de notificacións xudiciais aos letrados da Asesoría Xurídica.

Este anuncio produciuse logo de que transcendese o pasado ano que o Goberno galego perdeu 300.000 euros por non cursar unha cuestión deste ámbito referida aos xuros do sobrecusto da Cidade da Cultura.

Na súa intervención, Pereira defendeu que "non houbo ocultación" da información e que foi remitida, aínda que con algún "lixeiro atraso", a través das canles de transparencia.

"Nin existiu ocultación nin se negou información, foi un mero atraso na resposta", xustificou. A directora xeral da Amtega asegurou que a notificación xudicial "non se tratou como spam, senón que se recibiu", mais "a letrada non tivo coñecemento" por unha "concorrencia dunha serie de circunstancias" que provocaron que "non fose coñecida" pola persoa que levaba o caso.

Aliás, afirmou que a Xunta "tomou medidas" de maneira que se "mellorou" a xestión das notificacións, cunha notificación no mesmo día das cuestións que terminan ese día, un calendario actualizado de vencemento de actuacións xurídicas e avisos directos ao letrado xefe de gabinete ou substituto en funcións no caso de que se atope ausente.

Todo iso, concluíu Mar Pereira, co obxectivo de "evitar que se repitan no futuro" situacións como a que se denunciou o pasado ano e que custou ás arcas públicas 300.000 euros.

350 millóns de euros

Coa inauguración do Edificio Fontán o pasado outono a Xunta da Galiza deu por rematada a construción da Cidade da Cultura, cuxo custo ascendeu finalmente a 350 millóns de euros, en parte, polos sobrecustos da obra ao longo de dúas décadas. Aliás, un informe do Consello de Contas advertira que o Goberno galego "abdicara das súas responsabilidades na xestión prudente e planificada dos fondos públicos".

Comentarios