Orzamentos de 2023

A Xunta destina a pesca e agro 32 millóns de euros menos que en 2009

O Goberno galego reduce as partidas para promoción do emprego.
Alfonso Rueda, terceiro pola dereita, nunha visita este verán a unha factoría na comarca do Sar. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alfonso Rueda, terceiro pola dereita, nunha visita este verán a unha factoría na comarca do Sar. (Foto: Xunta da Galiza)

O emprego, canda a crise, segue a ser a principal preocupación dos galegos e galegas, como testemuñan enquisas e informes, quer de organismos públicos (IPC) quer de privados (Funcas). A taxa de paro situouse no segundo trimestre do ano en 11,2%, case 140.000 persoas, 36% máis que todos os habitantes da terceira cidade da Galiza, Ourense, que conta con 105.000.

O proxecto de Orzamentos da Xunta para 2023 indica un recorte nas partidas destinadas a diversos sectores produtivos (comercio, pesca) a respecto de contas anteriores, como a de 2009 —a última elaborada até agora por un Goberno diferente ao PP—, e mesmo unha caída considerábel en partidas como a de promoción do emprego respecto a eses orzamentos de 2009 ao actualizar o aumento do custo da vida desde aquela até hoxe. 

Promoción de emprego, contando con esta suba do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) —28,7% de 2009 a 2022— vai ter en 2023 por volta de 60 millóns de euros menos (-16%).  Nos orzamentos de entre 2010 e 2022 esa partida sempre estivo por baixo da destinada en 2009, mesmo sen aplicar a suba do IPC, e durante exercicios como 2013, 2014, 2015 ou 2016 foi menos da metade.

E iso nun contexto no que, desde 2009 até principios de 2022, houbo máis de 33.500 empregos destruídos só no sector da industria. O que supón que se perderon durante eses anos un de cada cinco empregos industriais no país. 

Ademais, entre 2009 e 2022, o valor xerado polas manufacturas galegas reduciuse case 8%, mentres, por exemplo, o sector manufactureiro alemán incrementou o seu valor engadido bruto en 29%. 

23.213 autónomos menos

Durante estes anos, ademais, a Galiza perdeu 1.031 empresas que superaban os nove traballadores; para alén de que en 2021 marcharon da Galiza para domiciliarse noutros territorios do Estado 113 sociedades. Un paso que entre 2013 e 2019 deron aproximadamente 830 empresas que facturaban en conxunto por volta de mil millóns de euros. 

Tamén en comercio houbo unha baixada dos fondos destinados. O proxecto de contas para 2023 asígnalle 25,5 millóns de euros, o que supón case 10 millóns menos que o que recibía no exercicio 2009. 

Unha parte importante do tecido do comercio susténtase no traballo autónomo, outro sector que ao longo destes anos perdeu efectivos. Entre 2009 e 2022 a Galiza perdeu 23.213 traballadores e traballadoras autónomas. 

Pesca e agro

Outras partidas que caen desde 2009 son as de dinamización económica do medio rural (-1,5%) . A Galiza é o territorio do Estado español que máis emprego perde no campo ao longo do ano 2021. O sector do agro viu destruídos 4.800 postos de traballo no ano pasado e o número de persoas empregadas caeu até as 65.900. 

No que atinxe á pesca, o recorte orzamentario foi de 15%, mentres a frota galega leva anos nunha dinámica de perda de barcos: 25% de embarcacións menos desde 2004, de 5.565 barcos daquela aos 4.237 de agora.

724 millóns de euros máis recadados en impostos indirectos

O sistema de financiamento autonómico achega 9.402 millóns de euros ao Orzamento da Xunta para 2023, o que representa 17,6% máis que este ano. Este incremento débese, nomeadamente, a unha maior recadación no IVE e o IRPF. Os ingresos para o próximo ano a partir do obtido en impostos directos e indirectos aumentarán, segundo os cálculos de Facenda e malia a redución por mor de medidas como a bonificación no imposto de Patrimonio.

As previsións da Xunta son que para o ano se recade por impostos indirectos 724 millóns de euros máis. Ingresos a maiores que veñen do aumento da inflación en produtos básicos (cesto da compra, combustíbeis), que tamén repercute no IVE, que é o mesmo para toda a cidadanía, independentemente das súas retribucións.

Comentarios