A Xunta deixa fóra dos actos alcaldes do BNG e do PSdeG

O Executivo galego convida candidatos do PP mais non rexedores.
Xosé Sánchez Bugallo e José Miñóns,no centro, esta segunda feira en Compostela (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé Sánchez Bugallo e José Miñóns,no centro, esta segunda feira en Compostela (Foto: Nós Diario)

O grupo municipal socialista de Santiago de Compostela denunciou esta segunda feira o "uso electoralista de actos institucionais por parte do PP".

En concreto, censurou o reparto realizado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, dun calendario ilustrado con motivo do 150 aniversario da Praza de Abastos compostelá. Segundo denunciaron os socialistas, a ese acto non foi convidado nin o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, nin ningún outro integrante do Goberno local, "pero si se convidou o candidato do PP á Alcaldía", afirmaron, en referencia a Borja Verea.

"Modus operandi"

As críticas do PSdeG á Xunta da Galiza por realizar actos institucionais sen contar con representación do Goberno municipal súmanse ás realizadas a semana pasada polo BNG de Carballo (comarca de Bergantiños), que denunciou un feito semellante.

Nese caso foi a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a que visitou  a localidade bergantiñá para anunciar a ampliación do polígono de Bértoa. "Non sabemos se a título oficial ou particular", declarou o alcalde, Evencio Ferrero (BNG), a Nós Diario.

En todo caso, nin o rexedor nin  ningún outro grupo da Corporación de Carballo, agás o do PP, foi convidado ao encontro que a conselleira mantivo no polígono industrial. "Pero non nos sorprende, non é a primeira vez que pasa en Carballo", lamenta o alcalde Evencio Ferrero.

O feito de a Xunta da Galiza non convidar os representantes institucionais locais a actos da propia Xunta contrasta coas declaracións do presidente Alfonso Rueda, que a pasada sexta feira pedía ao presidente español que "respectase" Galiza, amosándose molesto por ser convidado ao cumio hispano-luso con só 48 horas de antelación.

Rueda facía estas declaracións presumindo dunha "lealdade institucional" que, segundo os rexedores de Carballo e Santiago de Compostela, non demostra.

Comentarios