A Xunta dá 'un portazo' a catro das alcaldías que exixen a revogación do re-pagamento a doentes crónic@s

Os alcaldes de San Sadurniño, Allariz, Riotorto e Ribadeo -todos eles do BNG- acudiron esta cuarta feira aos edificios administrativos da Xunta para se reunir con Alberto Núñez Feijóo. As forzas de seguridade impedíronlles o acceso por orde da Presidencia alegando que non solicitaran a xuntanza. Os alcaldes anunciaron que visitarán semanalmente o presidente até que a Xunta decida non aplicar o decreto en Galiza e chaman a cidadanía a se mobilizar contra esta medida.

Os alcaldes amosan a solicitude enviada á Xunta demandando a xuntanza con Núñez Feijóo [M.MONTERO]
photo_camera Os alcaldes amosan a solicitude enviada á Xunta demandando a xuntanza con Núñez Feijóo [M.MONTERO]

Encabezados polo rexedor de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, os alcaldes de San Sadurniño, Allariz e Ribadeo acudiron esta cuarta feira aos edificios administrativos da Xunta de Galiza en San Caetano (Compostela).

Após a carta remitida polo alcalde riotortense na que solicitaba --en nome da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade-- a Alberto Núñez Feijóo unha xuntanza antes do día 6 de novembro, desde a Secretaría xeral de Presidencia aseguraron non ter constancia da devandita solicitude e impediron aos rexedores do BNG accederen ao interior da Xunta.

No entanto, o alcalde riotortense lembrou "os reportes" remitidos pola Secretaría xeral e a Secretaría particular de Presidencia acreditando o recibimento da misiva. "Se non lles consta", enfatizou Estoa, "terán un problema de organización". 

Así as cousas, o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, lembrou ás forzas de seguridade que como representantes públicos posúen un carné expeditado pola propia Xunta de Galiza que lles autoriza a entrada a calquera dos edificios administrativos da administración galega, quer en San Lázaro, quer en San Caetano.

Malia a todo, as ordes dadas pola secretaría xeral de presidencia deixaron fóra á delegación completada polo portavoz da Coordenadora nacional de emigrantes retornad@s, Manuel Domínguez, e a secretaria xeral da CIG-Saúde, María Xosé Abuín.  

Un 'portazo' á cidadanía
O obxectivo das catro alcaldías gobernadas polo Bloque Nacionalista Galego era demandar ao presidente da Xunta a "non aplicación do re-pagamento farmacolóxico a enfermos cronicos", segundo explicou Gutiérrez Estoa. Mais tamén a retirada do decreto polo que se estabelece o re-pagamento sanitario (RD 16/2912) "polo que se perde o dereito a ter unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade", acrecentou María Xosé Abuín (CIG). 

En declaracións aos medios de comunición após lles impediren a entrada en San Caetano, os alcaldes do BNG consideraron que "o portazo" --como tildaron a negativa da Xunta aos recibir-- "non é ás seis persoas que estamos aquí" senón que, subliñou o alcalde de Riotorto, "é un portazo a todas as mulleres que se están tratando dun cancro de mama, a todas aquelas persoas que se están tratando dun cancro de ril, de leucemia ou de tumores cerebrais".

Así, anunciaron que manterán as súas "visitas" ao presidente da Xunta con carácter semanal "até que o presidente decida non aplicar a orde que estabelece o re-pagamento" e que foi aprobada polo executivo español pois, salientou Suárez, "a decisión do goberno do estado non pode estar por riba das persoas". 

Do contrario, subliñaron os rexedores do BNG, Feijóo converteríase "no responsábel último da morte" daquelas persoas, din, que non poidan continuar co seu tratamento "por falta de recursos". 

Presión social e mobilización
Após o acontecido coas bolsas Erasmus que o Goberno español manterá logo da resposta social recibida contra a súa supresión, o alcalde de Allariz, Francisco García, considerou que este é "un bo exemplo" dos logros que "a mobilización e a presión social" poden conseguir.

Neste senso, desde os concellos de Riotorto, San Sadurniño, Ribadeo e Allariz chaman "a todo o pobo galego" a participar das concentracións e mobilizacións convocadas pola Iniciativa galega e amosar o seu rexeitamento a esta medida que, din, é propia dun goberno e dun presidente "sen alma". 

Así, esta sexta feira (8 de novembro) están previstas concentracións perante todos os centros de saúde do país para concluír o vindeiro día 17 de novembro nunha manifestación nacional en defensa da sanidade pública. 

Comentarios