A Xunta da Galiza exclúe da moratoria eólica os parques de máis de 50 megawatts

O pasado 1 de xaneiro, entraba en vigor unha moratoria eólica na Galiza que paralizaba a tramitación deste tipo de instalacións até xullo de 2023. Porén, o Diario Oficial da Galiza vén de modificar esta norma ao autorizar todos aqueles parques eólicos cunha potencia superior a 50 megawatts.
Parque eólico de Paxareiras, entre os concellos de Muros e Mazaricos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Parque eólicos de Paxareiras entre os concellos de Muros e Mazaricos. (Foto: Nós Diario)

A Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos de 2022, socialmente coñecida como Lei de acompañamento dos presupostos, recollía que "atendendo ao número de proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e a cifra de MW prevista nestes proxectos, non se admitiran a trámite novas solicitudes co obxectivo de levar a cabo unha ordenación racional" do sector. 

A moratoria, acordada por un prazo de 18 meses, declarábase nun momento en que a Xunta da Galiza tramitaba 277 proxectos, cunha potencia de 7.200 megawatts (MW), practicamente o dobre dos operativos naquela altura. A proposta do Parlamento da Galiza estabelecía toda unha serie de excepcións que, de facto, permitía ao Consello da Xunta continuar coa tramitación das instalacións eólicas que fosen do interese da Administración.

Así, recollíase que ficaban á marxe da moratoria todos "aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta". Esta vía foi empregada polo Goberno galego para aceptar a tramitación de determinadas instalacións eólicas.

Acordo Galiza-Estado

A situación deu un xiro total a semana pasada. A este respecto, o 23 de setembro o Boletín Oficial do Estado (BOE) e o Diario Oficial da Galiza (DOG) recollían que "a moratoria" afecta "unicamente" as instalacións "que sexan competencia da comunidade", o que significa que todos aqueles proxectos cunha potencia instalada superior a 50 megawatts, cuxa autorización corresponde ao Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco), carecen de limitación para a súa tramitación.

Neste sentido, o rexistro do Miteco continúa aberto para a presentación de novos proxectos, a engadir aos 2.500 megawatts actualmente en tramitación para instalar na Galiza.

Conflito de competencias

O cambio de postura da Xunta foi resultado dun acordo co Goberno do Estado, que ameazou con levar ao Tribunal Constitucional a moratoria galega. No mesmo sentido, o Executivo presidido por Alfonso Rueda aceptou a proposta do Miteco de non autorizar aquelas instalacións eólicas que carezan de permiso de acceso ou conexión á rede eléctrica.

Críticas

A mudanza de posición da Xunta da Galiza mereceu o rexeitamento do movemento ecoloxista. A voceira de Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Belén Rodríguez, sinala a Nós Diario que "non ten sentido unha moratoria só para os proxectos eólicos que tramita o Goberno galego" e lembra que "a Xunta ten un maior número de instalacións a trámite pero os de maior envergadura dependen do Estado". 

Nesta liña, afirma que "cando desde o ecoloxismo pedimos unha moratoria, non lla estamos demandando só á Xunta, porque o contrario é pór en risco determinados valores que se van sacrificar, moitas veces tirando ás cegas, ao ter unha planificación do territorio".

A portavoz da asociación ecoloxista apunta que "a discusión entre as dúas administracións respecto dos termos da aplicación da moratoria eólica responde unicamente a criterios partidistas e non a diferenzas no modelo de desenvolvemento eólico". Belén Rodríguez entende que "a moratoria da Xunta da Galiza é falsa porque fixa excepcións, deixando a decisión final á arbitrariedade do Consello da Xunta". 

Ao tempo, advirte de que "o Miteco modifica a lei, contradicindo as directivas da Comisión Europea, en todo o referido ao trámite de avaliación ambiental, relegando a participación pública a unha anécdota e pondo en risco as garantías ambientais só co obxectivo de defender os intereses das eléctricas".

O Goberno do Estado español tramita actualmente 2.500 megawatts, que sumados aos rexistrados na Xunta da Galiza, representan unha potencia de 9.700 MW.

O oligopolio eléctrico

A voceira da asociación ecoloxista Adega, Belén Rodríguez, amósase moi crítica coa orientación da política eólica do Goberno do Estado e da Xunta da Galiza. Neste sentido, entende que está dirixida a favorecer os intereses dos operadores eólicos e do oligopolio eléctrico.

Comentarios