A Xunta dá por boas as explicacións de DomusVi e non investigará a vacinación da súa delegada

Josefina Fernández, máxima responsábel de DomusVi, e o seu irmán foron inoculados nun dos seus centros a pesar de non figurar "na relación inicial de persoal que manexaba a Xunta", mais Fabiola García sostén que a Administración galega "actuou ben, con rapidez" nas residencias desde o inicio da pandemia. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García - XUNTA - Archivo
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García [Imaxe: Xunta da Galiza].

A conselleira de Política Social, Fabiola García, dá por boas as explicacións ofrecidas pola multinacional DomusVi sobre a vacinación da súa delegada, Josefina Fernández, quen xustificou recibir unha das doses da vacina contra a covid-19 por exercer como directora dunha residencia e estar en contacto cos usuarios.

"Se Josefina Fernández está diariamente con residentes considero que debe ser vacinada. Se non está en contacto con residentes diariamente terá que ser ela quen dea explicacións", sinalou García nunha entrevista este domingo na Cadena Ser na que recoñeceu que a Administración galega non se dirixiu á delegada de DomusVi para demandar explicacións pola súa vacinación nin ten previsto abrir unha investigación respecto diso.

Nin Josefina Fernández nin o seu irmán figuraban "na relación de persoal que manexaba a Xunta"

Neste sentido, a responsábel da área de Política Social asegurou que "todos" os directores de residencias de maiores da Galiza recibiron unha dose da vacina contra a covid-19 "porque están en contacto cos residentes".

Após publicarse a noticia, adiantada por Eldiario.es a pasada cuarta feira, a multinacional argumentou que "a razón detrás" desta inoculación é que tanto a conselleira delegada como o seu irmán -responsábel da área sur da Galiza de DomusVi- "están a visitar centros de DomusVi por todo o país", en "contacto constante" con residentes e empregados, polo que "os médicos recomendáronlle vacinarse".

Pola súa banda, a Consellaría de Política Social recoñeceu que se administrou a vacina a Josefina Fernández no centro DomusVi de Vigo, que a incluíu na lista dos seus traballadores para recibir a vacina a súa conselleira delegada, "que non figuraba inicialmente na relación de persoal que manexaba a Xunta". O mesmo sucedeu co seu irmán, segundo recoñeceron na pasada cuarta feira as fontes consultadas da Consellaría.

Este domingo, após recoñecer que non falaron coa propia CEO de DomusVi, Fabiola García apuntou que a Consellaría que encabeza "sabe" as explicacións ofrecidas para xustificar a súa inclusión na lista e que "se é así" e está en contacto cos usuarios, "está ben feito".

"Considero que o equipo de vacinación, que ten miles e miles de persoas que confían nese comportamento ético de todas e cada unha das persoas que se vacinan na Galiza porque a vacina non é un privilexio para ninguén, é un medio de protección para o propio maior e todas as persoas que o rodean", sentenciou García, para logo engadir que "se alguén que sexa chamado para unha vacinación e non lle corresponde, que o diga e renuncie a esa vacinación".

"Actuouse ben, con rapidez"

Así mesmo, Fabiola García defendeu que desde a Xunta "se actuou ben, con rapidez" á hora de facer fronte á pandemia e o seu impacto nas residencias de maiores, onde nos próximos días se completará o proceso de inmunización salvo naquelas que presenten casos de covid, que deberán esperar a que negativicen os seus usuarios e traballadores.

Así as cousas, após mostrar o seu pesar polos falecementos que deixa a pandemia desde hai case un ano na Comunidade galega, sentenciou que "nestes momentos" as residencias de maiores son "os lugares máis seguros" de Galiza a nivel epidemiolóxico como evidencia que, nun momento como o actual no que "hai catro veces máis contaxios que en abril", os xeriátricos teñen "a metade de positivos" que na primavera.

Comentarios