Sanidade

A Xunta culpa o Estado da "temporalidade" na sanidade

Feixoo anuncia unha OPE de "3.536 prazas" se o Goberno de Sánchez lle permite "non aplicar a taxa de reposición".
Opositoras nun exame dunha Oferta Pública de Emprego na Galiza (Europa Press)
photo_camera Opositoras nun exame dunha Oferta Pública de Emprego na Galiza (Europa Press)

O actual presidente da Xunta da Galiza e candidato á reelección polo Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, anunciou onte que o Consello da Xunta aprobou convocar unha Oferta Pública de Emprego (OPE) para o persoal sanitario de "3.536 prazas" se así o autoriza o Goberno do Estado. Porén, esas prazas diminuirían até as "973" se o Executivo de Pedro Sánchez non autoriza o Goberno galego a "non aplicar a taxa de reposición" actual, que limita a ofertar só un 10% das prazas na OPE.

 "Queremos acabar cos contratos temporais", asegurou Feixoo, que se referiu a esta OPE como "histórica". Desta maneira, volveu culpar á taxa de reposición imposta polo seu compañeiro de partido, Mariano Raxoi, cando gobernaba no Estado no ano 2012. Unha medida contra a que a Xunta non tivo obxeccións até o cambio de siglas na Moncloa. Agora, Feixoo asegura que a taxa de reposición é a que obriga ao Sergas a manter a súa alta temporalidade nas contratacións.  

Feixoo sostivo que o Goberno galego trasladou "por escrito" e de forma "oficial" aos ministerios de Sanidade, Facenda e Administracións Públicas, en palabras do presidente, "que nos deixen solucionar esa temporalidade". "Como non temos resposta, e estamos no primeiro trimestre deste ano [prazo no que a Xunta ten que convocar esa OPE], tomamos a decisión de levar ao Consello da Xunta a autorización para sacar 3.536 prazas se obtemos o visto e prace do Goberno estatal ou, no caso de non obtelo, as 973 prazas", explicou.

O presidente galego insistiu en que non trata de "confrontar" co Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos, senón de atopar unha "solución". "Non sei o que temos que facer. Se solicito permiso estamos confrontando e se non o solicito estamos precarizando", esgrimiu.

Pese a non citar o nome de Raxoi, Feixoo realizou unha explicación sobre esta taxa de reposición xustificada nos anos "de vacas fracas e de recesión económica". Coa eliminación desta taxa, Galiza podería ofertar todas as prazas que requiren as necesidades asistenciais e non soamente as vacantes xeradas por xubilacións, traslados ou falecementos.

A OPE formulada por Feixoo centraríase en reforzar as profesionais de medicina familiar e pediatría e en potenciar a cobertura dos hospitais comarcais e dos centros sanitarios illados.

Comentarios