A Xunta, criticada pola opacidade nos Next Generation, pide transparencia ao Estado

O Executivo presenta 32 proxectos de mobilidade para captar fondos europeos.
Núñez Feixoo presentou onte os proxectos de mobilidade (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Núñez Feixoo presentou onte os proxectos de mobilidade (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, apremou o Goberno estatal para que dea a coñecer os criterios de repartición dos fondos europeos de recuperación Next Generation, co fin de que as comunidades "compitan" na obtención de fondos en "igualdade de condicións".

Así o pediu esta terza feira, 20 de abril, en Santiago, no marco do foro Next Generation sobre os proxectos que a Xunta quere presentar ao Estado para candidatar Galiza a fondos da UE para mobilidade. "Estamos absolutamente interesados en cales son os criterios de concorrencia e poder así competir en igualdade de condicións que o resto de comunidades ", afirmou.

Críticas á opacidade

Feixoo reclamou desta maneira transparencia ao Estado no reparto dos fondos, cando na Galiza a opacidade que rodea os proxectos Next Generation da Xunta centra a críticas dos partidos da oposición e dos movementos sociais. De facto, O BNG non deixa pasar pleno do Parlamento galego sen acusar o Executivo de Feixoo de ocultar o contido dos seus proxectos Next Generation e as empresas coas que a Xunta os están a crear, advertindo ademais dun incongruente "baile de cifras" en cada rolda de prensa que o propio Feixoo ofrece sobre estes proxectos.

"A 17 de outubro Feixoo anunciou sete proxectos por 3.200 millóns de euros e 18.000 empregos pero a 22 de outubro os proxectos multiplicárense até 108 por 9.400 millóns e a 29 de xaneiro, após o encontro co presidente do Estado, Pedro Sánchez, os 108 proxectos pasaron a ser cinco", reprochou a líder do BNG, Ana Pontón, na sesión de control ao Goberno de febreiro.

Nese sentido, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou esta semana Feixoo a superar a “opacidade, falla de rumbo e de compromiso” do Goberno galego cos Next Generation e ofreceu a man tendida do seu partido para alcanzar acordos e que a Galiza non perda a oportunidade dos fondos. 

Proxectos de mobilidade

A Xunta quere presentar para captar fondos 32 proxectos relacionados coa mobilidade, dos cales 11 son de carácter privado. A iniciativa da automoción céntrase no programa Autoancora, liderado polo Grupo PSA, que supón 1.200 millóns de investimento. Tamén figura o proxecto Smart Logistic, promovido entre outras entidades pola Confederación de Empresarios da Galiza.

Ademais, hai proxectos de Naturgy, Iberdrola, así como da Federación Galega de Estacións de Servizos para crear unha rede de cargadores rápidos e ultrarrápidos de vehículos eléctricos.

Comentarios