A Xunta avoga por "incentivar" novas fusións municipais e sinala que algúns alcaldes se interesaron de maneira informal

Desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) indican que non recibiron "ningunha consulta nin manifestación de interese nesta liña".
O conselleiro de Medio Rural, Xosé González, nunha visita a Cerdedo-Cotobade. Foto: Xunta de Galiza
photo_camera O conselleiro de Medio Rural, Xosé González, nunha visita a Cerdedo-Cotobade. Foto: Xunta de Galiza

A Xunta iniciará a finais deste ano un "amplo estudo" sobre a experiencia de fusións de Oza-Cesuras,e Cerdedo-Cotobade, e os seus resultados de cara a "aprender" da experiencia "e efectuar propostas concretas nos ámbitos lexislativo e económico co fin de incentivar novas fusións municipais".

"De maneira informal, algúns alcaldes interesáronse por estes procesos, por coñecer as vantaxes, de aí a importancia deste estudo", apunta a Europa Press a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. Pola súa banda, desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) indican que non recibiron "ningunha consulta nin manifestación de interese nesta liña".

Do estudo proxectado pola Xunta, a directora xeral de Administración Local argumenta que "a día de hoxe existen poucos, de certo rigor, que analicen en profundidade, desde unha perspectiva socio-económica e demográfica, os procesos de fusión que houbo na Galiza".

Do mesmo, avanza que, entre os seus fins, estará analizar a repercusión das fusións sobre a calidade dos servizos prestados aos veciños e sobre os orzamentos municipais. "Tamén sobre cal sería o intervalo poboacional a partir do cal xa se pode falar dunha mellora substancial de todos os parámetros á hora de prestar os servizos públicos básicos".

Primeiras fusións

"Dimensionando adecuadamente o tamaño dos concellos, mediante procesos de fusión voluntaria, poden porse ao servizo da cidadanía institucións máis eficaces e eficientes", defenden desde a Administración galega, que entre 2016 e 2021 destinou aos concellos de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade 10,5 millóns do fondo adicional incluido no de Cooperación Local.

Desde a Administración galega insístese en que a súa política pasa pola promoción e fomento da cooperación municipal, xa sexa coa fusión de municipios ou outras fórmulas de xestión compartida

A primeira, a de Oza-Cesuras, foi en 2013 e non había  unha no Estado desde 1981. Despois seguiulle, en 2016, a de Cerdedo-Cotobade. Agora, de cara a 2022, a Xunta prevé destinar a cantidade de 1,5 millóns de euros para o fondo de fusións.

Sobre esta cuestión, desde a Administración galega insístese en que a súa política pasa pola promoción e fomento da cooperación municipal, xa sexa coa fusión de municipios ou outras fórmulas de xestión compartida. 

Reducir o despoboamento

A directora xeral de Administración Local admite que "os procesos de fusión voluntaria e xestión compartida dos servizos públicos non son a solución definitiva á crise demográfica" da Galiza rural, pero apostila que "non hai dúbida de que son pasos importantes na dirección correcta para atopar formas de solucionar un problema tan complexo como o do envellecemento e o despoboamento".

"Porque parte do problema do despoboamento nas zonas rurais está relacionado coa procura de máis e mellores servizos públicos". Por iso, engade que traballarán para fomentar "fórmulas asociativas municipais" para a prestación dos servizos. 

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, remítese ao acordado na asemblea xeral desta entidade sobre as fusións. "O rexeitamento no caso de que sexa de maneira obrigada xa que unha medida deste tipo é incompatíbel co principio de autonomía local".

Postura da FEGAMP

Pola súa banda, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, remítese ao acordado na asemblea xeral desta entidade sobre as fusións. "O rexeitamento no caso de que sexa de maneira obrigada xa que unha medida deste tipo é incompatíbel co principio de autonomía local".

Con todo, subliña que iso non implica que non poida acordarse voluntariamente, "sempre precedido dunha análise seria e complexo que deixe ben clara a fórmula de cooperación, respondendo a cuestións como competencias e servizos, financiamento e coordinación e que garanta o éxito a longo prazo".

Sen entrar a valorar se foron efectivas as fusións de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade, incide en que non recibiron ningunha petición sobre máis fusións. No entanto, afirma que se houbese cambios a este respecto, "a Fegamp fará o que sexa o mellor para a cidadanía".

"Pero nese caso sería imprescindíbel unha lei de cooperación local da Galiza", apunta. Mentres, apela ás fórmulas de colaboración para prestar servizos, "pero non só entre entidades locais, senón tamén coas restantes administracións e, niso, queda moito por traballar conxuntamente".

No que se refire ao Fondo de Coperación Local, no que o importe recibido polos concellos pode destinarse ao que consideren sen ter que justificar os gastos, ascende en 2022 a case 126 millóns de euros, un 3,3% máis que en 2021.

Comentarios