A Xunta avalou a fusión das caixas sen unha análise das contas que presentaron as propias entidades

Entregou, por orde xudicial, o informe redactado pola ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás no que o Consello da Xunta baseou a súa luz verde á operación. "É un informe pouco rigoroso, no que non se xustifica o apoio á fusión en ningún informe nin interno nin externo, dando por bos o plan e as contas presentados polas caixas e sen realizar o labor de fiscalización nin control que tiña que realizar a Xunta da Galiza", valora o ex deputado Antón Sánchez.
A ex conselleira de Facenda Marta Fernández Currás presentou en 2010 o informe de KPMG como se fose unha auditoría externa que avalaba a fusión das caixas (Imaxe: Xunta da Galiza).
photo_camera A ex conselleira de Facenda Marta Fernández Currás presentou en 2010 o informe de KPMG como se fose unha auditoría externa que avalaba a fusión das caixas (Foto: Xunta da Galiza).

No límite da data de entrega, o 23 de decembro, a Xunta da Galiza rexistrou o informe da ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, no que o Consello da Xunta se baseou en 2010 para dar luz verde á fusión de Caixa Galicia e Caixanova. O ex deputado Antón Sánchez vén de recibilo sete anos despois de solicitalo por primeira vez e sentenza xudicial mediante.

O documento consta de cinco páxinas, nas que a daquela responsábel de Facenda percorre os pasos previos á operación. Currás recolle o visto bo do Banco de España ao proxecto, así como a aprobación do plan de integración pola Comisión Reitora do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), creado ao abeiro da crise de 2008.

No apartado 'Consideracións Económicas', apunta que "o contexto de crise financeira esixe unha importante reestruturación do sector a efectos de acadar tamaños e niveis de solvencia". Entre os efectos da fusión, menciona a "xeración dunha entidade de maior tamaño, cun activo total de máis de 73.000 millóns de euros", a "racionalización das oficinas".

A maiores, apúntase á xeración de resultados suficientes para "realizar a cobertura do deterioro previsto" na "carteira crediticia" e nos "investimentos en activos inmobiliarios". Previsións, todas elas, das propias entidades. En 2007, a construción representaba 23% e 26% das carteiras de Caixanova e Caixa Galicia respectivamente.

A ausencia de KPMG

"É un informe pouco rigoroso, no que non se xustifica o apoio á fusión en ningún informe nin interno nin externo, dando por bos o plan e as contas presentados polas caixas e sen realizar o labor de fiscalización nin control que tiña que realizar a Xunta da Galiza", valora Antón Sánchez en conversa con Nós Diario.

O voceiro de Anova salienta que Currás non fixo mención ao informe sobre a fusión da consultora KPMG "que se contratou por un millón de euros". O líder do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, anunciárao en 2009 como unha auditoría externa, empregándoo despois como aval para a operación.

Non se xustifica o apoio á fusión en ningún informe nin interno nin externo, destaca Antón Sánchez

Posteriormente, como lembra Sánchez, un dos seus responsábeis admitiu que se trataba dun estudo "de trazo gordo" que non avalaba a operación. "Queda en evidencia a neglixencia e a irresponsabilidade do Goberno galego", agrega, lamentando os seus nocivos efectos en 40% dos aforros dos galegos e galegas.

Non se trata da única novidade neste 2020 a respecto da operación. En outubro, unha sentenza da Audiencia Nacional cuestionou o proceso e o papel da Xunta, sinalando que a deficiente situación económica e financeira de Caixa Galicia foi a que impulsou a fusión. A maiores, culpouna do rescate do FROB á entidade resultante.

Novacaixagalicia recibiu 10.300 millóns de euros en axudas públicas, das que segundo o Banco de España se perderon 9.000 millóns. "A operación conduciunos a un gran fiasco", resume Antón Sánchez. O ex deputado non se amosa optimista coa apertura da terceira comisión de investigación da fusión. "Non teño confianza en que a maioría do Partido Popular permita outra cousa que non sexa lavar a cara ao Goberno de Feixoo, é o que teñen demostrado durante estes anos", afirma. 

Comentarios