Diferenzas no seo do PSdeG sobre Ence

A posición sobre a continuidade Ence na ría de Pontevedra divide o PSdeG.
Carmela Silva (Foto: Concello Vigo)
photo_camera Carmela Silva (Foto: Concello Vigo)

.Mentres o secretario xeral da formación e presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, e o candidato do partido á Alcaldía de Pontevedra e concelleiro, Iván Puentes, chaman a aceptar a sentenza do Tribunal Supremo que autoriza a presenza da pasteira na zona de protección de costas, a presidenta do partido na Galiza, Carmela Silva, e o voceiro do partido na Corporación pontevedresa, Tino Fernández, defenden a saída da celulosa do actual emprazamento.

Así, Formoso volveu chamar onte a “acatar a decisión xudicial do Supremo que valida que a factoría de Ence siga no seu emprazamento actual na ría de Pontevedra até 2073”. Neste sentido, recoñeceu que a “posición histórica” do PSdeG fixaba que a pasteira “debería saír de Lourizán”, porén “cunha sentenza do máximo órgano xudicial do Estado, agora toca respectar as decisións xudiciais e mirar cara diante”.

As declaracións de Formoso chegan despois de que Silva sinalase que “hai que ter unha posición clara, a miña sempre foi que Ence non debería estar na ría de Pontevedra e que tiñamos que recuperar a ría de Pontevedra e esa segue sendo e seguirá sendo a miña posición. E ademais estou orgullosísima de que esta sexa a miña posición”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra insistiu en que “son unha persoa que tenta manter as súas conviccións nun mundo no que é difícil manter as conviccións e no que tanta xente as cambia dun ano para outro”.

Na mesma liña, o voceiro da formación na Corporación municipal de Pontevedra, Tino Fernández, desmarcouse o propio día en que se coñeceu a decisión do Supremo, a pasada terza feira, da valoración oficial do partido, destacando que “para que non queden dúbidas: eu non comparto que alguén se aproxime ás posicións do PP para branquear a empresa”.

Comentarios