A Xunta aproba unha lei para cubrir postos médicos sen necesidade de exame

SOS Sanidade considera a medida un "parche" que non resolve o problema.
O Consello da Xunta da Galiza reuniuse nesta quinta feira en San Caetano, Santiago de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O Consello da Xunta da Galiza reuniuse nesta quinta feira en San Caetano, Santiago de Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)

A Xunta acumula protestas e mobilizacións veciñais e sociais ao longo destes meses contra a política sanitaria do Goberno galego. A falla de persoal sanitario centra boa parte desas protestas, como a denuncia recollida esta semana por Nós Diario de pediatras do CHOU —Complexo Hospitalario Universitario de Ourense— ante a Valedora do Pobo de "vulneración dos dereitos asistenciais de menores" derivados dos recortes en persoal.

Preguntado nesta quinta feira por Nós Diario sobre esta situación, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, limitouse a responder cun breve "non sei as circunstancias concretas" do caso. Porén, Rueda si que expuxera minutos antes a proposta da Xunta para intentar responder a ese malestar, unha lei aprobada no Consello da Xunta desta quinta feira e que terá unha vixencia de tres anos.

A idea é que, ao longo deses tres anos, haxa convocatorias para prazas de difícil cobertura do Sergas —pediatría, internistas, radioloxía...— que vaia a través de concurso de méritos sen exame. Retómase así a iniciativa que a Xunta desenvolveu este verán, ao convocar prazas para médicos de familia baixo esta modalidade de concurso sen exame. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) prevé sacar por concurso de méritos en 2023 outras 130 prazas, para médicos de familia e outras especialidades de "difícil cobertura".

SOS Sanidade Pública: "A solución é outra"

Porén, a medida aprobada na reunión semanal do Goberno galego non convence a entidades como SOS Sanidade Pública, un de cuxos portavoces, Manuel Martín, cualificou en conversa con Nós Diario a iniciativa de "populista". Para Martín, este tipo de actuacións "non son a solución", pois non atallan a problemática de fondo que xera o problema. "O problema é que as condicións laborais son malas e que os profesionais non teñen estabilidade, por iso os profesionais marchan da Galiza", indica Martín.

Lembra así que no Grove, comarca do Salnés, de sete médicos hai actualmente un e en Baltar, de tres, tamén fica só un. "Iso non se vai resolver con convocatorias como as que aprobou agora a Xunta", apunta", senón cunha política de "mellora e dignificación das condicións laborais do colectivo e da súa estabilidade".

Execución de fondos

A reunión semanal do Goberno galego aprobou un informe da Consellaría de Facenda a respecto do nivel de execución dos fondos europeos recibidos por Galiza. Un grao alto de execución, afirmou Rueda, de 80 % dos 1.300 millóns de euros de fondos estruturais para o período 2014-2020.  Un "cumprimento" que confrontou coa actitude do Goberno español, indicando que nos fondos Next Generation este fica con boa parte dos mesmos para a súa execución, sen transferilos ás comunidades —"só recibimos 30% do total"—.

Noutra orde de cousas, o presidente informou da aprobación dunha liña de 24 millóns de euros dirixida á integración laboral de persoas con discapacidade. Estas axudas irán para 122 centros que traballan con este colectivo e beneficiará un total de 3.700 persoas.

A planta de hidróxeno verde de Reganosa, "estratéxica"

O Consello da Xunta aprobou nesta quinta feira o primeiro proxecto industrial estratéxico da Galiza, o da planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables para As Pontes, que espera que abra "un camiño que seguirán outras empresas".

Esta declaración supón o recorte nos prazos de tramitación "á metade", entre outras "moitas vantaxes" para proxectos que teñen que ser "dun grande impacto", segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior á reunión semanal do seu Goberno.

Respecto diso, lembrou que a iniciativa H2Pole conta cun investimento de 156 millóns de euros e a creación duns 60 empregos directos e "varios centos" indirectos. Cunha capacidade nominal prevista de até 100MW, o obxectivo é que a primeira fase estea a operar en 2025.

Comentarios