En plena campaña electoral, a Xunta amplía en 540.000 euros as subvencións a medios de comunicación

O aumento na partida destinada a ''empresas xornalísticas e de radiofusión'' pasa ter unha contía total de 1.675.000 euros, 125.000 máis que en 2013. A CIG considera especialmente grave que isto se produza "en plena campaña electoral".

periodicos2

O Diario Oficial de Galiza (DOG) publicou esta segunda feira unha resolución da Consellería de Presidencia pola cal o departamento dirixido por Alfonso Rueda incrementa en 540.000 euros o crédito inicial das axudas económicas “destinadas a empresas xornalísticas e de radiofusión”. Con esta decisión a cantidade total prevista para estas axudas pasa ser de 1.675.000 euros, segundo se recoñece na propia resolución. Porén, a partida destinada a medios de comunicación en galego non varía e mantense en 40.000 euros.

Desde a CIG pregúntanse que tipo de xustificacións pode haber para aumentar en máis de medio millón de euros as axudas destinadas aos medios de comunicación nun contexto de crise e recortes. “Os gastos públicos en medios de comunicación xa son polémicos de por si. Porén, tórnanse máis polémicos no momento actual ao ser considerado como un gasto totalmente prescindible fronte ao mantemento dos servizos públicos”. A isto, desde a central nacionalista engaden que esta resolución vén de ser publicada “en plena campaña electoral” para os comicios do 25 de maio. Un feito que consideran “de gravidade”.

A cifra que se vai adicar este ano ao crédito inicial das subvencións económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión vai ser superior á destinada no ano pasado: 1.675.000 euros fronte 1.550.000.

Comentarios