Do Monte Pindo á Barca, a dobre vara de medir da Xunta na recuperación do patrimonio

A celeridade e compromiso amosado polo goberno galego coa reconstrución da Igrexa da Barca (Muxía) contrasta coa actitude belixerante e negacionista do executivo de Alberto Núñez Feijóo na recuperación do Monte Pindo. 

Após arder a práctica totalidade do Monte Pindo, un espazo natural que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo rexeitou catalogar como Parque Natural malia as demandas sociais, o goberno galego continúa sen mobilizar recursos económicos e humanos para as labores de recuperación do Olimpo celta. Un ecosistema único  de riqueza ecolóxica e paisaxística incalculábel que supón, aliás, parte do patrimonio inmaterial galego polas lendas e contos que arredor del se xeraron, entre eles, dar acubillo a deidades que lle outorgaran noutrora a súa característica xeomorfoloxía granítica. 

Porén a actitude do executivo galego en relación ao proceso de recuperación do Monte Pindo, contrasta coa celeridade na súa actuación após o incendio que destruíu a Igrexa da Barca (Muxía), un dos lugares máis emblemáticos da contorna e sitio de paso para peregrin@s. No último Consello da Xunta decorrido esta sexta feira, Alberto Núñez Feijóo xa avanzou que o seu goberno declarará "de emerxencia" as "actuacións necesarias para a recuperación integral do santuario" no "menor tempo posíbel", indicou tan só dous días despois do tráxico incendio. Unha celeridade e premura que dista moito do comportamento do goberno da Xunta co Pindo.

Visitar a Barca e non O Pindo
Poucas horas pasaran desde que as lapas destruíran a Igrexa da Barca cando o presidente do executivo galego anunciaba á imprensa que visitaría a zona e o santuario. Alberto Núñez Feijóo declaraba desde o adro da Barca aos medios de comunicación que o máis urxente após apagar o lume era "apuntalar o edificio, reconstruír a cuberta e facer unha limpeza integral".

Aliás, avanzaba que "nas vindeiras horas" o goberno galego se reuniría "co Bispado, o Arcebispado, a Deputación da Coruña e a Alcadía do Concello de Muxía para establecer a folla de ruta a seguir" ao tempo que amosaba o seu agradecemento a todas as persoas que participaran nas labores de extinción "e de todos os que continúan a traballar" nun espazo de "grande valor cultural, turístico e económico"; "un centro de peregrinaxe" e "grande símbolo colectivo de Muxía e a Costa da Morte". 

A celeridade do presidente da Xunta por se desprazar ao lugar dos feitos resulta chocante fronte o acontecido este mesmo verán a poucos quilómetros do santuario. Após arder durante catro días consecutivos, un dos maiores incendios rexistrados este ano provocaba a desaparición do Monte Pindo. Un espazo natural protexido que albergaba especies únicas, para alén de acoller na súa chaira explotacións horto-frotícolas coma a da Cooperativa Raíña Lupa, devastada polo lume. Naquela altura o líder do executivo galego viaxaba a Coruña para dar abertura ao curso político. Sen visitar a zona afectada polo incendio Núñez Feijóo rodeábase d@s líderes da súa formación na cidade herculina mentres as lapas avanzaban cara ao concello de Ézaro e deixaban tras de si máis de 2.000 hectáreas devastadas. 

Así mesmo, desde o Concello de Carnota, o seu alcalde, Ramón Noceda (BNG) urxía da administración pública a declaración de "zona catastrófica" no Monte Pindo e o inicio das labores de recuperación para evitar que as primeiras choivas provocasen escorrentías e incrementasen os prexuízos ecolóxicos do que, a todas luces, xa era un desastre medioambiental. Algo, que non acontecería, como denunciou con posterioridade o movemento ecoloxista e a Asociación Monte Pindo Parque Natural. 

Declarar o desastre como "emerxencia" 
O Olimpo celta non foi declarado en ningún momento como "zona catastrófica" e as demandas sociais, ecoloxistas, veciñais e mesmo dos grupos da oposición que instaban a Xunta a actuar decontado para minimizar os danos, foron botadas ao lixo. Os votos do Partido Popular no Parlamento impediron tal catalogación e a elaboración dun plan urxente de restauración ambiental que cumpriría dunha dotación económica suficiente para o Concello de Carnota. 

De novo, a situación dista moito da vivida nos últimos dias en relación ao santuario da Barca. O presidente galego afirmou perante a veciñanza de Muxía e as autoridades locais --do Partido Popular-- que o seu goberno iniciará a licitación para re-construír a Igrexa "custe o que custe". Todos os medios sería poucos para volver á vida un espazo en mans da Igrexa, face un monte no que o goberno galego ten asinado un convenio para o seu mantemento e salvagarda.

Do "custe o que custe" ás sancións ao voluntariado
Porén, esa titularidade da administración autónoma sobre o Olimpo Celta só se fixo valer para paralizar o programa de voluntariado posto a andar polo Concello de Carnota e a Asociación Monte Pindo Parque Natural. Un sopro de ar fresco entre tanta cinza que axiña obtivo resposta. Ducias de voluntari@s ofrecéronse para desenvolver as labores de recuperación do monte ardido e mesmo o CSIC proporcionou exemplares de carballo anano --único no país-- para re-plantar unha especie que a piques estivo de desaparecer. 
No entanto, a Xunta de Galiza exixiu a parálise de SOS Monte Pindo por incorrer, dixo, nunha ilegalidade ao non estar o programa de voluntariado autorizado polo goberno galego. Aliás, advertiu que @s voluntari@s poderían ser sancionad@s por axentes policiais de continuaren adiante coas labores de recuperación ambiental. Algo que desde o concello e a Asociación tildaron de "persecución política". 

 

Comentarios