A Xunta agarda ampliar o horario da hostalaría

Apuntando ás conclusións do Comité Clínico, Alfonso Rueda declarou este domingo que lle parece "razoábel" ante a evolución "favorábel" da situación epidemiolóxica. 
Terraza na Praza Roxa de Santiago (Foto: Europa Press)
photo_camera Terraza na Praza Roxa de Santiago (Foto: Europa Press)

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou este domingo que ante a situación epidemiolóxica "favorábel" da Galiza lle parece "razoábel" que o comité clínico poida ampliar máis alá das 18 horas o horario de apertura da hostalaría.

Nunha entrevista na Radio Galega, Rueda fixo súas as palabras do presidente Alberto Núñez Feixoo e recalcou que "oxalá" esta semana se poida avanzar na desescalada. Considera así "lóxico" dar pasos "curtos" mais "prudentes". 

Temén advertiu que as consecuencias económicas serán "moi duras". Após a manifestación da tarde do sábado por centos de profesionais da hostalaría en Compostela, Rueda deu a entender que teñen "todo o dereito do mundo" a protestar por ser "un colectivo moi castigado" polas restricións.

De contado, engadiu que a Xunta é "consciente" dos prexuízos que sofren e afirmou que "desde o principio" intentou arbitrar axudas directas en dous "rescates" que suman 160 millóns de euros.

Ampliación do toque de recoller?

Onte mesmo, o vicepresidente, cuestionado polos medios sobre se a próxima semana o Goberno galego decidirá arredor dunha ampliación do horario de recoller obrigatorio até as 23 horas, respondeu que esa medida se debe tomar de maneira coordinada en todo o Estado. 

Afirmou que a Xunta é partidaria de decidir sobre esa cuestión a medida que se achegue máis a Semana Santa: "Na nosa opinión quizais sexa un pouco precipitado, se seguimos mellorando [...] é unha cousa que está enriba da mesa".

Comentarios