A Xunta ábrese a unha “intervención temporal” de Alu Ibérica

O conselleiro de Economía di agora que a Xunta está aberta a unha intervención temporal de Alu Ibérica por parte da SEPI para facilitar a entrada dun investidor.

Alu ibérica
photo_camera A Xunta está aberta a unha intervención temporal de Alu Ibérica (Foto: Europa Press)

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou que a Xunta da Galiza está aberta a unha intervención temporal de Alu Ibérica por parte da SEPI para facilitar a entrada dun investidor solvente cun proxecto a longo prazo.

En resposta a unha pregunta formulada no pleno da Cámara polo deputado do BNG Ramón Fernández, Conde asegurou que a Xunta está aberta á intervención temporal da planta polo Goberno español a través da SEPI co obxectivo de facilitar a aparición dun “investidor solvente” xa que fechar a planta “non tería sentido" por tratarse dun sector estratéxico para a economía galega.

Por iso, volveu pedir a convocatoria da mesa industrial xa que, conforme indicou, non se sabe nada dos fondos comprometidos para garantir a reactivación da actividade na Coruña máis aló de xuño. Neste sentido, considerou que este encontro debería servir para que as empresas expliquen se se están cumprindo os compromisos.

Pola súa banda, o parlamentar do Bloque advertiu de que a situación da fábrica "non pode ser peor" e resúmese nos "incumprimentos sistemáticos das condicións" por parte do Grupo Riesgo. Por iso, preguntou á Xunta polas medidas previstas para preservar o emprego e a produción.

Demanda do comité

Ademais, esta mesma cuarta feira, 14 de abril, o presidente do comité de empresa da planta da Coruña, Juan Carlos López Corbacho, destacou o apoio de PP, PSdeG e BNG á súa petición dunha intervención "puntual e temporal" da fábrica para dar unha "viabilidade" á mesma, tras unha reunión coas portavoces destas formacións na Comisión de Industria.

"Calquera medida para dar unha solución", reclamou Corbacho ao pedir garantías de futuro para a planta e para o emprego. Ademais, expuxo que esta é a demanda que trasladarán conxuntamente cos representantes da planta de Avilés na mobilización que este quinta levarán a cabo en Madrid, ante o Ministerio de Industria, entre as que estará tamén a petición de que se convoque a mesa industrial para lograr acordos que permitan a continuidade de ambas as plantas.

Parques eólicos

Por outra banda, na sesión plenaria, o vicepresidente económico tamén respondeu a senllas preguntas do PSdeG e do BNG sobre o sector eólico nas que incidiu en que tramitar “non é o mesmo que autorizar”.

Así aseverou despois de o socialista Martín Seco denunciar o impacto ambiental do proxecto do parque eólico de Troitomil, que afecta os concellos da Baña e Negreira, pola súa proximidade á vivendas. Conde dixo que, á vista dos informes presentados e a modificación solicitada polo promotor, reducíronse case á metade o número de aeroxeradores, e todas as posicións cumpren coa distancia necesaria.

Ademais, despois de que nunha pregunta sobre os proxectos eólicos na Serra do Suído e Alto Tea o parlamentar do BNG Luís Bará denunciase a súa fragmentación e acusase á Xunta de situarse do lado dos "grandes especuladores", o conselleiro incidiu que "se seguirá a tramitación marcada".

Comentarios