A Xunta e Abanca asinan un convenio contra os despexos por impagamento

As persoas que non poidan facer fronte á hipoteca pagarán un aluguer social de 75 euros como máximo ou mesmo nada. Aliás, a entidade financeira cederá 100 vivendas baleiras ao goberno galego.

Escotec e Feijóo
photo_camera Escotec e Feijóo [Imaxe Xunta de Galiza]

O executivo de Alberto Núñez Feijóo, da man da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinou esta segunda feira (6 de xullo) un convenio coa dirección de Abanca polo que se adhire a entidade financeira ao Plan Social de Loita contra a Desigualdade desenvolvido pola Xunta. 

No concreto, Abanca comprométese a non desafiuzar as familias que non poidan facer fronte ao pagamento da hipoteca. En función dos ingresos e cargas familiares o custe será substituído por un aluguer social de non máis de 75 euros que podería ser mesmo gratuíto. 

Pola súa banda, o goberno apoiará economicamente as familias através do Instituto galego de Vivenda e Solo de cumpriren coas condicións.

Asemade, Abanca cederá ao executivo 100 vivendas baleiras para acoller aquelas persoas que atravesen dificultades económicas e que non poidan facer fronte ao pagamento da hipoteca ou dun aluguer. As persoas adxudicatarias abonarán un máximo de 125 euros/mes. 

O convenio será asinado nos vindeiros días con outras entidades financeiras que operan na Galiza, segundo informou a conselleira de Infraestruturas. 

Comentarios