PP e PSOE votan en contra

Xulio Ferreiro perde a moción de confianza na Coruña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, non puido superar a cuestión de confianza á que se someteu nun pleno extraordinario que tivo lugar na mañá do sábado. A moción de confianza, vinculada á aprobación do orzamento de 2016, contou cos votos en contra do PP e do PSOE. O BNG votou a favor.

Pleno Orzamentos A Coruña

“Chegou a hora de que cadaquén decida que papel quere xogar”. Así se expresaba o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cando defendeu a cuestión de confianza que se debateu na mañá do sábado nun pleno extraordinario e que non puido superar. PP e PSOE votaron en contra e a concelleira do BNG, Avia Veira, votou a favor en aras dunha “oposición construtiva”.

A edila nacionalista cargou contra a Marea e o PSOE por se “botaren as culpas” e por deixaren “a cidade sen varrer”. Urxiu ambas as formacións a traballar para evitar que a situación derive nunha vitoria do PP, “hai que chegar a acordos para resolver os problemas; xa está ben de tomaduras de pelo, do espectáculo que estamos dando”.

O PSOE xustificou o seu non ao entender que o alcalde “non merece” a confianza dos socialdemócratas. O concelleiro José Manuel García emprazou a Marea Atlántica a “crear un espazo político que dea estabilidade” e sinalou que o PSOE apoiará “cada acción” do Goberno se hai “diálogo”.

Rosa Gallego, portavoz do PP, reclamou na súa intervención a  dimisión do alcalde por ter “a cidade paralizada” e acusou Ferreiro de “ir de vítima a costa dos coruñeses”. Emprazou o PSOE e o BNG a se posicionaren “ao lado do caos ou do resgate da cidade”.

Ao non superar a cuestión de confianza o alcalde, a Corporación da Coruña dispón do prazo dun mes para buscar un candidato ou unha candidata á Alcaldía. Se non hai acordo entre os partidos, Ferreiro seguirá a ser rexedor e os orzamentos aprobaranse de maneira automática.

O PSOE descarta a moción de censura

Após a sesión plenaria, o concelleiro do PSOE José Manuel García asegurou que a formación socialdemócrata non prevé sumarse a unha moción de censura, "nin entra dentro do noso calendario próximo nin a medio prazo". Desbotou, así, a existencia de conversas para impulsar unha alternativa ao Goberno da Marea Atlántica.

Comentarios