Fala de exclusións das "sensibilidades maioritarias"

Xulio Ferreiro cuestiona que "18 persoas" cambien os "documentos políticos" votados nas primarias

O alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica exteriorizou esta segunda feira o seu desgosto coa conformación da nova dirección de En Marea. Critica que se rache "unha lista de consenso e confluencia" e que se exclúan "sensibilidades maioritarias".

[Imaxe: Concello da Coruña] Xulio Ferreiro
photo_camera [Imaxe: Concello da Coruña] Xulio Ferreiro

En declaracións á imprensa esta segunda feira na Coruña, recollidas por Europa Press, Xulio Ferreiro criticou que "18 persoas" -o número das que no seo do Consello das Mareas votaron a prol de Luís Villares como portavoz orgánico- modifiquen "documentos políticos que gañan unhas primarias e receben un apoio de centos de persoas".

"Nunha organización sá e democrática non debería ocorrer", acrecentou.

A xuízo de Ferreiro, o proceso que levou a conformar a dirección da confluencia "non responde ao proxecto político de En Marea tal e como foi concebido na súa orixe" ao deixar fóra "sensibilidades importantísimas, diría maioritarias", entre as que citou a Marea Atlántica, Anova e Esquerda Unida. A escolla da executiva liderada por Villares sería, dixo, un "paso contrario" aos documentos aprobados na asemblea constitutiva de En Marea realizada en xullo pasado na cidade de Vigo.

Inquirido por un xornalista a respeito de se o disenso coa forma en que se constituíu a dirección podería resultar na saída de En Marea da confluencia, Ferreiro desbotou tal hipótese e advogou pola perspectiva de "traballar dentro".

"O órgao de dirección política de En Marea non é a coordenadora nen o consello, é o plenario, e debe ser no plenario onde se dean as grandes discusións e co sentido maioritario", declarou.

Comentarios