O xulgado suspende cautelarmente a asemblea na que Jácome expulsou edís de DO

Segundo a xuíza, non semella que a formación política tivese facultades para expulsar os edís posto que partido e formación municipal "son entidades diferentes".
EuropaPress_3306975_alcalde_ourense_gonzalo_perez_jacome
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ourense suspendeu cautelarmente o acordo adoptado pola Asemblea Xeral Extraordinaria de Democracia Ourensá do pasado 18 de outubro polo que se expulsou da formación municipal tres edís críticos.

Estímase a solicitude de medidas cautelares presentada a pasada semana precisamente polas concelleiras María del Mar Fernández, Maite Rodríguez e o concelleiro Miguel Caride. Así, deixan de ser non adscritos e recuperan os seus anteriores postos. No caso de Caride regresaría tamén á segunda vicepresidencia da Deputación Provincial.

O xulgado obriga así mesmo a Democracia Ourensá, o partido que lidera o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome, a asumir os costes do xuízo. Segundo a xuíza "non parece" que a formación "tivese facultades para expulsar" os edís posto que o grupo municipal e o partido "son entidades diferentes".

"O partido político Democracia Ourensá só pode impor sancións disciplinarias a quen estea afiliado a el, polo que carecen de calquera eficacia aquelas sancións que poidan acordar impor a persoas alleas a esa organización", expón no auto.

Democracia Ourensá avanzou que recorrerá en apelación a decisión do xulgado. Nun comunicado cualificou o auto de "erróneo" e explica que se impulsou a sanción aos edís "ao declaralos tránsfugas". Pérez Jácome, a través das redes sociais, advertiu que a formación non perdeu "ningún xuízo", senón que a maxistrada apraza os efectos da resolución de expulsión "até o desenvolvemento do proceso".

A anulación da asemblea supón que "xa non vale" todo o aplicado desde entón, segundo valorou un dos tres edís expulsados, Miguel Caride. "Hai que volver formar as xuntas de portavoces, volver formular as intervencións, a presenza nas comisións informativas e a presenza en xuntas de área", agregou o edil. 

Reparto de dedicacións

Tamén na xornada de hoxe, o Partido Popular, Democracia Ourensá, o Partido Socialista e Ciudadanos acordaron un novo reparto das dedicacións exclusivas do Concello de Ourense tras a ruptura do pacto de Goberno entre a formación que lidera Jácome e o PP. Só o BNG rexeitou este acordo

Comentarios