A xuízo a antiga cúpula de NCG polo cobro de millonarias indemnizacións

A Audiencia Nacional arranca a causa para determinar se existía “un plan preconcibido” dos directivos das caixas galegas, como apunta Anticorrupción, para mellorar os seus contratos antes da fusión das entidades. En total, os imputados cobraron 19 millóns de euros en prexubilacións. 

NCG


Tres anos despois da primeira denuncia arranca un dos xuízos máis esperados contra os antigos directivos das caixas galegas. A Audiencia Nacional tomará declaración aos seis imputados por presunta apropiación indebida e administración desleal, así como unha posible estafa, polo cobro de millonarias indemnizacións pouco antes da súa saída de NovaCaixaGalicia (NCG).

A chave do caso para por determinar se existía “un plan preconcibido” da cúpula das entidades, como apunta Anticorrupción, para mellorar os seus contratos e asignarse rendas vitalicias antes da fusión das entidades. En total, os imputados cobraron 19 millóns de euros en prexublicacións, dos que a Fiscalía reclama a súa devolución. 

Polo banco dos acusados pasarán o ex presidente de NCG Julio Fernández Gayoso, o antigo director xeral José Luis Pego, o ex director xeral Javier García de Paredes, o responsable do grupo inmobiliario Gregorio Gorriarán, o que fora xestor da oficina de integración Óscar Rodríguez e o avogado Ricardo Pradas, que asesorou na mellora dos contratos baixo sospeita. Afrontan penas de prisión de tres anos. 

Anticorrupción sinala que en pleno proceso de fusión, e de rescate por parte do FROB, pactaron “introducir melloras nos contratos da alta dirección que garantiran a liquidación e rendas vitalicias futuras en caso dunha previsible saída”. Detrás destas decisións considera que existiu unha “clara intención de obter un importante beneficio patrimonial” antepoñendo os intereses particulares aos da entidade. 

O principal responsable da quebra, fóra do caso

Entre os imputados non estará presente o ex director xeral de Caixa Galicia José Luis Méndez, nin os seus fillos Luis e Yago, presentes na primeira querela. Méndez deixou a entidade, por orde do Banco de España, pouco antes da fusión. Cobrou porén indemnizacións por valor de 18 millóns de euros, malia estar sinalado como o principal responsable da quebra da caixa coruñesa. 

A Audiencia Nacional xulgará durante as próximas semanas, no que se esperan longas xornadas, as actuacións da cúpula para determinar se foron tomadas ao marxe dos órganos de control interno. Máis de medio centenar de testemuñas están chamadas a declarar na macrocausa, que se suma as denuncias dos preferentistas e á espera das conclusións da comisión de investigación do Parlamento galego. 

Adicae pide un castigo exemplar

A Asociación de Usuarias de Bancos, Caixas e Seguros (Adicae) pide “responsabilidades plenas” para a antiga cúpula de NCG. Adicae personouse como acusación popular no caso das indemnizacións e esixiu a “máxima condena” para os responsables que deben recibir “un castigo exemplar”.

Comentarios