A xuízo e con 10 mil euros de fianza o candidado do PP de Carnota e a deputada Marisol Piñeiro

O TSXG acú[email protected] dun presunto delito de prevaricación durante a súa etapa no goberno carnotán.

María Soledad Piñeiro-crop
photo_camera Marisol Piñeiro

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Carnota e ex-rexedor, José Oreiro, e a nº3 da candidatura, ex-tenente de alcalde e deputada no Parlamento de Galiza, Marisol Piñeiro, están [email protected] polo Tribunal Superior de Xustiza dun presunto delito de prevaricación durante a súa etapa no goberno de Carnota. 

No escrito remitido pola Fiscalía impónselles, asemade, unha fianza de 10 mil euros pola responsabilidade civil que puider derivar do procedemento xudicial. Segundo o texto, ambas as dúas persoas terían levado a cabo a contratación dunha administrativa en 2007 "sen ningún tipo de formalidade nen axuste á legalidade". Aliás, terían prorrogado e re-contratado a traballadora durante anos "sen cumprir ningún trámite nen procedemento legal" mesmo cando foi feita indefinida como técnica xurídica urbanística. 

Foi o actual alcalde, Ramón Noceda (BNG), quen denunciou no 2013 o caso

No proceso tamén está imputado o secretario municipal en calidade de "cooperador necesario" a quen se lle impón tamén unha fianza de 6 mil euros. 

Oreiro terá que prestar declaración perante o Tribunal Superior de Xustiza o 19 de maio ás 10h. 

No mesmo escrito remitido pola Fiscalía, o xulgado admite que o Bloque Nacionalista Galego se presente como acusación popular logo de que PP e PSOE sumasen os seus votos para impedir que a devandita acusación fose desenvolvida polo propio Concello de Carnota. Cumpre lembrar que foi o actual alcalde, Ramón Noceda (BNG), quen denunciou no 2013 o caso. 

Desde a organización nacionalista, piden que o Partido Popular esclareza se manterá a candidatura após a imputación dos números 1 e 3. Aliás, preguntan se manterán os cargos institucionais que actualmente ostentan, nomeadamente no caso de Marisol Piñeiro que é parlamentar no Pazo do Hórreo pois, sinalan nun comunicado, están "encausados xudicialmente con acusacións en firme e fianza".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios