A xuíza absolve o ex concelleiro do BNG García Mata e quita a razón ao agora alcalde Jácome

O ex concelleiro do BNG de Ourense Andrés García Mata acaba de ser absolvido dun delito de prevaricación continuada pola xuíza do Xulgado do Penal Número 1 da cidade das Burgas. A demanda foi interposta por Gonzalo Pérez Jácome, actual alcalde, durante a súa época de portavoz do grupo municipal de Democracia Ourensá.
garcia mata
photo_camera García Mata, durante a súa etapa como concelleiro.

Jácome vía prevaricación na adxudicación das obras de acondicionamento de espazos urbanos na rúa Bedoya por un importe de 623.000 euros. A xuíza quítalle agora a razón ao absolver o ex concelleiro do BNG.

As obras foron adxudicadas mediante un procedimento negociado sen publicidade e urxente.

Nos fundamentos da sentenza, a xuíza destaca que non ficou probado que García Mata soubese que recorrer a ese procedimento fose contra a normativa vixente.

A celeridade na realización das obras veu determinada, entende a maxistrada, porque a Xunta concedera subvencións ligadas á súa pronta execución.

García Mata demitiu do seu cargo como concelleiro en 2010 após ser imputado por outro caso, a tramitación duns paneis publicitarios e informativos, desta volta a resultas dunha denuncia interposta polo PP. Naquela ocasión tamén fora absolvido pola Audiencia Provincial.

Comentarios