O xuíz Velasco sopesa volver suspender as actividades de Causa Galiza

A Audiencia Nacional acolleu a comparecencia na que estiveron o maxistrado, a fiscalía do Estado e a defensa da organización independentista. En xaneiro a sala do penal anulara a decisión de Velasco.

Causa Galiza ilegalización
photo_camera Representantes de Causa Galiza na comparecencia de imprensa en Madrid, após a comparecencia na AN.

Eloy Velasco ten nas súas mans a decisión de volver suspender a actividade de Causa Galiza, decisión que xa adoptara o maxistrado en novembro a raíz da 'Operación Jaro' e que fora anulada pola sala do penal da Audiencia Nacional por se adoptar vulnerando o establecido na propia lei. Esta segunda feira, a Audiencia Nacional acolleu a comparecencia na que estiveron presentes o maxistrado, o Fiscal do estado e a defensa e representantes de Causa Galiza. Cómpre sinalar que a defensa presentara o recurso contra a suspensión por entender que o xuíz incorrera nunha vulneración de dereitos fundamentais ao declarar a suspensión de actividades de Causa Galiza sen escoitar antes a Causa Galiza. Ese proceder, defendeu o avogado Guillermo Presa, é unha vulneración do establecido na propia Lei de enxuizamento criminal. Un argumento que foi atendido e estimado pola sala do penal da Audiencia Nacional, que decidiu anular a decisión do maxistrado.

A decisión de Velasco vaise coñecer en breve. "Cuestión de horas, como moito, dalgúns días"

Porén, esta segunda feira tivo lugar ese 'trámite' de escoitar Causa Galiza. Polo que agora, indican fontes do independentismo, pode seguir co proceso – volver suspender a actividade de Causa Galiza- "e ilegalizarnos cumprindo coa lei”. “Agora estamos á espera do que decida o xuíz”, afirmou a Sermos Galiza Joam Peres, presente na comparecencia como 'representante legal' de Causa Galiza. Peres, un dos nove militantes de CG encausados na 'Operación Jaro', opina que o que está en xogo “é o dereito das e dos independentistas galegos de nos organizar politicamente”, apontando que calquera suspensión de actividades de CG é “unha conculcación dese dereito” e mostra a aposta do Estado pola “represión”. Neste sentido, anunciaron que de decidir Velasco "ilegalizalos" de novo, volveráin recorrer a decisión.

Desde o entorno dos independentistas encausados pola Audiencia Nacional faise un “chamamento á firmeza” na defensa das posicións, prácticas e ideas independentistas. Inciden en que a “solidariedade” é a ferramenta acaída para facer fronte e escorrentar “o medo” que, sinalan, o Estado español poida querer crear no independentismo galego.

Comentarios