O xornalista Xan Carballa afonda na figura de Xavier Vence nun libro de conversas

Con Temos dereito a un futuro distinto.Conversas con Xavier Vence, Xan Carballa achégase á figura do portavoz do BNG en todas as súas dimensións, desde a humana á ideolóxica e investigadora.

Xan Carballa
photo_camera Xan Carballa

“A orixe popular de Xavier Vence é nova entre os líderes do nacionalismo”, afirma o xornalista Xan Carballa que publica no novo selo editorial Engaiolarte o libro Temos dereito a un futuro distinto. Conversas con Xavier Vence. 

Redactor de A Nosa Terra desde 1982 ate 2010 e coautor canda Santiago Prol de Conversas con Francisco Carballo (A Nosa Terra, 2002) e da biografía de Valentín Paz-Andrade e da Antoloxía de VPA (Galaxia), Xan Carballa achégase de novo ao xénero da entrevista en profundidade con este novo título no que, a través dunha multitude de preguntas, revisa a traxectoria vital, intelectual e política do portavoz do BNG. 

Da súa mocidade, ademais da orixe de aldea, destaca o xornalista que Vence foi “un estudante que remata toda a súa carreira con bolsas públicas, sendo un prototipo da persoa que doutra maneira non tivera podido rematar os seus estudos universitarios. Esa procedencia, desde abaixo, proporciona outro achegamento á realidade e é unha novidade no nacionalismo”. 

Alén do aspecto biográfico, no que descobre unha faceta pouco coñecida, Carballa afonda nos aspectos ideolóxicos e nas propostas cara ao futuro de Xavier Vence. 

O semanario Sermos Galiza no seu número 96 ofrece un adianto do libro e unha entrevista co seu autor, Xan Carballa. 

Comentarios