Fundación Galiza Sempre

Unhas xornadas analizan o impacto dos tratados de libre comercio nos pobos de Europa

Organizada pola Fundación Galiza Sempre e o Centre Maurits Coppieters, terá lugar o 1 de xullo na Universidade da Coruña. No programa inclúese unha mesa redonda coa participación de representantes do BNG, a UDB bretoa, Sinn Féin, EH-Bildu e ERC.

Carril Jorquera Galiza Sempre xornadas CETA
photo_camera X.M Carril e Franciso Jorquera

Como poden afectar os tratados de libre comercio aos pobos de Europa? Esta é a pregunta á cal tentará dar resposta a xornada organizada para este 1 de xullo na Coruña pola Fundación Galiza Sempre e o centro Maurits Coppieters e na que tomarán parte activistas, sociólogos, economistas e representantes de diferentes organizacións soberanistas de nacións sen estado europeas. Francisco Jorquera (presidente de Galiza Sempre e ex deputado do BNG) e Xosé Manuel Carril (profesor da Universidade da Coruña e vogal do Padroado da Fundación Galiza Sempre) presentaron estas xornadas, que adquiren carácter internacional pola relevancia e procedencia dos participantes.

Unha das citas importantes no programa é a mesa redonda que comezará ás 12:30 horase na que participarán Ana Pontón (BNG); Adolfo Araiz. portavoz no Parlamento de Nafarroa de EH-Bildu; Jordí Solé. Eurodeputado de ERC; Helen Ryckamns. deputada no Parlamento de Valonia e membro de EcoloGael Simon. Área de Relacións Internacionais da UDB bretoa e o senador do Sinn Féin Pádraig MacLochlainn. Ana Miranda, vicepresidenta de Galiza Sempre, moderará a mesa.

Mais a xornada é moito máis completa. Comezará cunha presentación a cargo de Francisco Jorquera (presidente de Galiza Sempre) e Xabier Macías (presidente de Maurits Coppieters). Posteriormente, Josep Fontana i Lázaro, profesor Emérito na Universitat Pompeu Fabra falará sobre ‘A destrución do estado de benestar’.

Andrés Piqueras Infante, profesor de Socioloxía e Antropoloxía Social na Universitat Jaume I e membro do Observatorio Internacional da Crise dará unha palestra baixo o título ‘Tratados de libre comercio: entre os mecanismos de desposesión do capitalismo terminal’.

‘O impacto dos tratados de libre comercio en América Latina’ é o nome da intervención que fará, xa pola tarde,  Adrián Sotelo Valencia, sociólogo e profesor no Centro de Estudos Latinoamericanos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Nacional Autónoma de México.

Side M. Omar, profesor visitante na Universitat Jaume I e membro do corpo diplomático da República Árabe Saharauí Democrática e da Fronte Polisaria, explicará o papel de Europa no saqueo dos recursos do Sáhara Occidental. En ‘Alternativas aos tratados de libre comercio desde a soberanía dos pobos de Europa’ a quenda será de  María do Carme García Negro. profesora de Economía Aplicada da Universidade de Compostela e o xornalista e escritor Dimitrios Konstantanapoulos.

Comentarios