A xornada de reflexión, crucial ante as dúbidas existentes sobre asistencia ás urnas

A véspera dos comicios europeas vén marcada pola posibilidade dunha forte abstención, que as forzas alternativas aspiran a rachar para así facer fronte a un bipartidismo incómodo ante esta convocatoria.

bruxelas
photo_camera Parlamento Bruxelas.

A pertinencia da chamada xornada de reflexión, esa véspera a unhas eleccións nas que se paraliza a campaña, leva anos posta en dúbida. Porén, nesta ocasión, ante o chamado ás urnas europeas de mañá, 25 de maio, o debate interno -e tamén colectivo- que se lle supón á data alcanza novas dimensións, sen dúbida marcadas pola posibilidade dunha abstención récord, que desde as forzas alternativas ás sistémicas que presentan candidatura lembran que só beneficiaría o bipartidismo e, moi especialmente, o partido no poder, nun momento de crise que consideran precisa resposta tamén en forma de sufraxios.

Foi a rematada onte unha campaña marcada polo perfil baixo que quixeron instaurar PP e PSOE, só roto após as declaracións machistas do candidato estatal da dereita, que quentaron algo un ambiente que, aínda así, ficou moi lonxe do vivido noutras convocatorias. Non amosan grande interese as dúas formacións do bipartidismo nunhas eleccións nas que pouco teñen que gañar, e para as que prefiren -alén de rituais obrigados- escasa participación, que ademais tamén atopa alimento no desprestixio absoluto das institucións europeas.

O desprestixio das institucións da UE tamén está presente ante a cita, por moito que diversas forzas fagan defensa do que chaman "europeísmo"

Todo o contrario ocorre no nacionalismo e na esquerda, que insiste na versión oposta, na necesidade dunha gran participación que traslade ás papeletas o existente malestar contra o goberno máis tamén contra o sistema en si. O esforzo militante converteuse na principal arma de campaña de formacións como o BNG, que até o último día pide o voto e denuncia o “silenciamento” que di ter sufrido nos medios, especialmente nos públicos. Pola súa parte, AGE atopou tamén máis dificultades nesta ocasión que na anterior campaña electoral, namentres que Compromiso por Galicia segue buscando o seu espazo, cun ollo posto nas municipais.

Mobilización

Todas estas forzas chaman á participación e ao castigo, cos seus matices propios. O Bloque anúnciase como “representación galega e de esquerdas en Europa”, con especial empeño en lembrar a súa traxectoria histórica no Parlamento de Bruxelas; AGE afírmase participante na “internacional d@s agredid@s”. PP e PSOE rivalizan en cuestións formais, pero a súa campaña serviu tamén para desvelar a forte corrente de fondo a prol dun goberno de coligación entre ambos os dous, ao estilo de Alemaña, evidencia para moit@s das súas grandes semellanzas.

Feijóo desapareceu en campaña, apenas estivo por Galiza, fuxindo dos casos de presunta corrupción e amosándose por diversas zonas do Estado

En Galiza, ademais, a campaña estivo marcada pola escasa presenza do presidente da Xunta e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, moi tímido á hora de pedir á cidadanía que acuda ás urnas -feito ben simbólico- e máis centrado na auto-promoción persoal por diversas zonas do Estado. Isto tamén lle permitiu fuxir dos escándalos de presunta corrupción, como os que teñen que ver coa Pokémon ou o que sentou no banco d@s acusad@s a sete concelleir@s de Compostela, imaxe icónica da campaña, que en Galiza coordinou para o PP a agora muda Paula Prado, investigada por posíbeis irregularidades durante a súa etapa no concello compostelán. Un panorama político triste. Unhas urnas á espera.

Comentarios