Ferrolterra saiu á rúa na defensa do seu futuro

Millares secundan a convocatoria da CIG dunha xornada de loita en Ferrol "en defensa da comarca" porque “sen traballo, non hai presente nin futuro”.

A CIG protagonizou, da man de milleiros de persoas, unha xornada de loita na comarca de Ferrol, unha mobilización convocada tras unha inxente campaña informativa e coa que a central nacionalista procuraba, alén de denunciar a grave situación que atravesa Ferrolterra a nivel económico, social e mesmo demográfico, propoñer alternativas e solucións.

O sindicato nacionalista convocou folga de 9 a 15 horas con marchas de traballadores e traballadoras, asembleas e manifestación central ás 12:30 desde o Inferniño. A consigna foi “pola comarca. Sen traballo, nin presente, nin futuro”. A xornada de hoxe tiña como eixo visíbel central a manifestación convocada para ás 12:30 horas, dende o Inferniño e na que tomaron parte varios milleiros de persoas. Porén, previamente houbo marchas de traballadores e traballadoras dende os principais polígonos industrias e centros de traballo para visibilizar nas rúas as reivindicacións da central sindical e animar a toda a cidadanía á participar da mobilización. Estas marchas estaban organizadas en tres itinerarios principais que confluíron no Inferniño antes da saída da manifestación

Dende a CIG de Ferrol lembran que sobran os motivos para participar nesta xornada de loita, xa que, as graves consecuencias que a conxuntura económica e social actual ten contra os intereses da maioría social, esta situación vese incrementada na comarca porque “dende hai máis de 25 anos véñense tomando decisións políticas lesivas para os nosos sectores estratéxicos”.

A zona rexistra xa 20.000 desempregados e desempregadas e un 80% das empresas instaladas na comarca teñen problemas

Valoración positiva

Os voceiros da CIG de Ferrol, Manel Grandal e Xesús A. López Pintos valoraron moi positivamente o resultado da xornada de loita e a participación. E destacaron o apoio da cidadanía, mesmo felicitando á central nacionalista por acometer en solitario a convocatoria.

A comarca de Ferrolterra rexistra xa máis de 20.000 desempregados e desempregadas -cifra que prosegue en aumento-; ao tempo que avanzan os peches de empresas, os concursos de acredores ou os procesos de regulación de emprego. De feito, a central sindical calcula que o 80% das empresas instaladas na comarca xa sufriron algunha destas situacións. Fronte a iso, a CIG reclama “a necesidade imperiosa de poñer en marcha políticas activas de emprego e inversión pública nesta comarca”.

O sindicato nacionalista informou a través de dípticos que durante estas últimas semanas distribuíu nos centros de traballo e nas rúas para animar á participar da xornada de loita e concienciar da necesidade de seguir na resposta social como única vía para conseguir un cambio de políticas e avanzar cara a un novo modelo económico e social. Así mesmo, a central sindical estivo realizando un intenso traballo para acadar o maior respaldo posíbel, polo que nestas semanas mantivéronse encontros con representantes dos partidos políticos, dos empresarios e do pequeno comercio aos que expuxeron os motivos que levaron a convocatoria da folga e pediron o seu apoio.


Comentarios