Unha xornada en branco para preparar o debate electoral

As e os cabezas de lista das sete formacións que participarán no debate desta noite despexan as súas axendas para preparar a fondo as súas intervencións no debate desta segunda feira ás 21.30. Só Gonzalo Caballero, aspirante do PSdeG, participará nun acto electoral pola mañá.
Plató da CRTVG (arquivo).
photo_camera Plató da CRTVG (arquivo).

Durante a xornada de hoxe as e os aspirantes á Presidencia da Xunta da Galiza dedicaranse a fondo a preparar a súa intervención do único debate electoral da campaña. Só o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, mentres que aspirante polo BNG, Ana Pontón, comezou a traballar no debate o pasado sábado.

Debido as limitacións que impón a pandemia, con mitins e actos cun público moi reducido, aumenta a importancia do único debate que se retransmitirá a partir das 21.30 horas na TVG e mais na RG. Máis aínda se se ten en conta que as enquisas devolven unha alta porcentaxe de votantes indecisos, 31,6% segundo o CIS, que as e os aspirantes tratarán de mobilizar de cara a cita coas urnas o 12 de xullo.

Os e as candidatas dos “grupos representantivos” que participarán serán serán Alberto Núñez Feixoo, polo PP; Gonzalo Caballero, do PSdeG; Ana Pontón, polo BNG e Pancho Casal, da Marea Galeguista. En representación de los grupos “significativos” van Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común; Beatriz Pino, de Ciudadanos; e Ricardo Morado, de Vox.

O debate artellarase en catro bloques: Galiza e a COVID-19, xestión, nova normalidade e reconstrución; políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais; políticas sociais e de benestar, educación, sanitarias e modelo institucional, pactos, gobernabilidade e encaixe da Galiza no Estado.

PPdeG: datos para defender a súa xestión

Alberto Núñez Feixoo, presidente e candidato a revalidar a súa cuarta maioría, emulando o seu precedesor Manuel Fraga, prepárase para un encontro no que terá ante si os seis aspirantes que cuestionarán a súa década como líder do Executivo galego.

Fontes do PPdeG din que o popular procurará rebater “con datos” as críticas que poida recibir do resto de forzas. Como leva facendo desde que alcanzou a Presidencia, Feixoo defenderase "como aposta segura e coñecida fronte a unha posíbel coalición das esquerdas".

Porén, se ben nas súas intervencións públicas prevalece a crítica, Ciudadanos e Vox xa tenderon a súa man a Feixoo caso de que os populares precisen dos seus apoios na Cámara galega e para frear o avance do nacionalismo, que tamén amosan as enquisas.

PSdeG: desmontar o relato de Feixoo

Gonzalo Caballero tamén alixeira a axenda, mantendo un acto pola mañá, mais despexando a tarde. A súa estratexia, din fontes do partido, pasará pola confrontación aos datos de Feixoo con información que desmonte o seu relato, amosando como o Goberno do PPdeG foi un “fracaso” nestes últimos once anos. As mesmas engaden que o candidato trasladará aos galegos que hai “unha alternativa” da que o PSdeG é líder.

Os socialistas lembran que as políticas de Feixoo deixan Galiza con 70.000 empregos menos de cando chegou e lamentan que a configuración do debate non permita valorar e contrastar comparar propostas ao participaren até sete forzas políticas distintas.

“Feixoo non quere debater, prefire dicir que todo está feito e que non hai nada máis que facer, pero quero dicirvos que o voto é un poder fundamental”, asegurou Caballero onte en declaracións aos medios de comunicación dirixíndose ao electorado progresista.

Galicia en Común: achegar propostas

O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, prepara desde onte a tarde a súa participación no debate electoral xunto co seu equipo de campaña. Unha cita que consideran “feita a medida” de Núñez Feixoo e cun formato orientado “a enxalzar a súa figura”.

Desde a candidatura avanzan que Gómez-Reino achegarase ao debate en “termos propositivos”, mais destacando que “non houbo nin unha medida positiva” nos once anos de Núñez Feixoo ao fronte da Xunta.  

O propio candidato lamentou o domingo que o único debate entre cabezas de lista “non o decidise quen tiña que telo feito, que eran os profesionais da CRTVG, senón que saia da Consellaría de Propaganda que ten Feixoo”.

BNG: en clave galega

Sen actos programados na pasada fin de semana e coa axenda en branco até hoxe ás 21.30, Ana Pontón é a candidata que máis tempo dedicou a preparar a súa intervención. Como xa fixera en 2016, a nacionalista estuda a fondo cada unha das intervencións no debate, que considera clave nesta campaña para mobilizar o voto e para achegarse a un electorado máis amplo.

No debate Pontón centrarase nas propostas que veñen artellando a campaña do BNG, outro "modelo de país" cunha política en clave galega e abrindo a porta a que, por primeira vez, unha muller ocupe a presidencia do país.

Comentarios