Hermida, xa deputado eleito, ten de prazo até esta quinta feira para se sumar ao grupo de En Marea

A sexta feira pasada, o Parlamento galego comunicoulle a Xoán Hermida que é deputado eleito, após se consumar a demisión de Juan Merlo. Hermida dispón dun prazo de tres plenos (o primeiro é o que está a decorrer esta semana) para adquirir a condición plena como parlamentar. Hermida anunciou na RG que nen renuncia á acta nen a asume. Mais ese limbo non ten soporte regulamentar. Legalmente a día de hoxe xa é deputado. Esta quinta feira ás 18.30 horas expira o prazo para se incorporar ao grupo de En Marea. De non o facer, sería adscrito automaticamente ao grupo mixto.

xoan hermida
photo_camera Xoán Hermida, nunha comparencia informativa [Foto: PontevedraViva.com]

Xoán Hermida -ex Espazo Ecosocialista, dirixente próximo a Luís Villares- recebeu a sexta feira pasada a comunicación formal por parte do Parlamento galego de que xa era deputado eleito.

A partir dese momento comezaron a correr unha serie de prazos dispostos para a asunción do escano e dos dereitos e prerrogativas que lle corresponderían como parlamentar.

Destarte, Hermida dispón dunha marxe de tres sesións plenarias (a primeira é a que está a ter lugar esta semana) para se axustar ás disposicións estabelecidas no ponto 7 do regulamento da cámara e, consecuentemente, tomar posesión do escano. Os requisitos a cumprir son: apresentar na Oficialía Maior a credencial expedida polo correspondente órgao da administración eleitoral (artigo 7.1.1), cubrir a súa declaración a efeitos do exame de incompatibilidades, reflectindo os dados relativos a profesión e cargos públicos que desempeñe (artigo 7.1.2) e prestar na primeira sesión do Pleno á que asista a promesa ou o xuramento de acatar e gardar fidelidade á Constitución e ao Estatuto de Galicia (artigo 7.1.3).

Se transcorrido ese prazo, Hermida non toma posesión do escano perdería automaticamente prerrogativas como parlamentar (entre outros o salario ou o dereito a participar nos plenos), mais, segundo as fontes parlamentares consultadas por Sermos, en ningún caso perdería a súa condición de deputado. "Neste momento Hermida é deputado do Parlamento galego a todos os efeitos", indicaron a este diario dixital.

O outro prazo que comezou a correr para Hermida a pasada sexta feira foi o que vén regulado no artigo 25 da cámara, segundo o cal un deputado eleito dispón de 5 días após a súa proclamación para se incorporar a un grupo parlamentar. Isto significa que Hermida ten de data límite para se adscribir ao grupo de En Marea esta quinta feira ás 18.30 horas. Caso de non formalizar a súa alta como parlamentar na mesma agrupación en que se achan as súas compañeiras de confluencia, pasaría automaticamente a ser adscrito ao grupo mixto.

Todo isto significa que -ao contrario do dito por Hermida nunha entrevista na RG- non é posíbel deixar o escano conxelado: ou renuncia formalmente a el -co cal haberia un novo desprazamento na lista e entraría no parlamento Julia Torregosa (Podemos)- ou xa esta quinta feira sería encadrado no grupo mixto (a opción de se incorporar esta quinta feira ao de En Marea foi desbotada polo propio Hermida nas súas declaracións a diversos meios).

A manobra por tanto de manter en suspenso a renuncia ao escano mentres non demita Paula Quinteiro ten pouco percorrido e pode ser mesmo un boomerang para os fieis a Villares, que podería perder a condición de segunda forza se finalmente Hermida acaba no grupo mixto.

Mais non todo acaba aí. O regulamento sempre reserva sorpresas. No artigo 26.3 abre a billa para que "iniciado un novo período de sesións" as parlamentares podan "incorporarse ao grupo parlamentario que desexen dos constituídos". Esta disposición podería permitir eventualmente que no próximo mes de setembro Hermida -se finalmente non renunciar antes- se puidese sumar ao grupo de En Marea.

Comentarios