Hermida liga a súa renuncia á demisión de Quinteiro, o que entrega o liderado da oposición ao PSdeG

A crise de En Marea adquire unha nova dimensión e mesmo podería abocar a confluencia á perda da súa condición de segunda forza no Pazo do Hórreo.

xoan hermida
photo_camera Xoán Hermida, nunha conferencia de imprensa [Foto: PontevedraViva.com]

Paula Quinteiro non demite -nen ten trazas de que o vaia facer-. Ten o respaldo da maioría do grupo parlamentar. En fronte dela militan Luís Villares, o líder dunha confluencia cada día máis dividida, e o Consello da Marea, o máximo órgao do partido instrumental. Agora hai un novo elemento que exerce presión para que finalmente ceda e abandone o Parlamento. É Xoán Hermida -ex Espazo Ecosocialista e persoa próxima a Villares. En teoría debería ser el quen asumise a acta de Quinteiro. Mais as cousas nunca son así tan doadas na formación que fai bandeira da unidade popular. El propio viuse envolvido nun incidente coa policía local, desta volta a pontevedresa. Para mostrar que o seu estandar ético estaba por cima do de Quinteiro, anunciou no seu día que renunciaba á acta. Se así fose, quen tomaría posesión do escano sería a seguinte na lista, a responsábel de educación de Podemos Julia Torregosa, contraria por tanto a Villares. Talvez por tamén por isto, esta terza feira Xoán Hermida, en declaracións á axencia Efe, deu unha volta de porca máis ao sarillo e afirmou que non formalizaría a súa renuncia á acta mentres non se resolver o conflito "ético" e de "valores" suscitado por volta do caso Quinteiro.

Isto significa que se Quinteiro non demitir, Hermida non renunciaría á acta. En principio tampouco a asumiría, segundo el propio afirmou esta terza feira nunha entrevista na Radio Galega. A consecuencia directa desta circunstancia é que En Marea ficaría cun parlamentar menos. Tería 13. Un menos do que o PSdeG, que de súpeto pasaría a liderar a oposición.

Hermida ficaría nunha especie de limbo: nen tomaría posesión nen recusaría o escano.

É moi dubidoso que Quinteiro -firmemente respaldada polos sectores críticos a Villares- vaia ceder, o que coloca a crise de En Marea en parámetros sen precedentes. O líder da confluencia aínda ten unha baza que xogar, a de convocar a consulta interna para patentizar que as bases da confluencia son partidarias da marcha da parlamentar de Podemos-Anticapitalistas.
 

Comentarios