Xoán Hermida asume a coordinación do Espazo EcoSocialista

Espazo EcoGaleguista realizou en Compostela a súa Asemblea constituínte en que, entre outras novidades, pasaron a denominarse Espazo EcoSocialista (EE). Contan cun consello político de 40 persoas e 159 adheridas ao seu manifesto. Para o seu coordinador, Xoán Hermida, o Espazo EcoSocialista nace como “un partido 2.0 para a Galiza do século XXI”
Xoán Hermida
photo_camera Xoán Hermida

O coordinador do novo partido afirma que o Espazo EcoSocialista nace coa vontade de “introducir na axenda política as cuestións que hoxe non estaban: o pacifismo, a  sustentabilidade, a radicalidade democrática. Procurar que o galeguismo político teña unha alternativa ampla no que farán falta tamén o BNG e o PSdeG.”. Segundo sinala, das 150 persoas que se suman ao seu proxecto a día de hoxe a grande maioría non provén de ningunha forza política xa existente, “veñen dos movementos sociais ou de xente que se desafectou pola política hai moitos anos, como foi o meu caso”.Sitúa así o Espazo EcoGaleguista como herdeiro da iniciativa Ben Común.

Con respecto ao proceso de encontro no que está a participar con outras forzas políticas para tomar parte no Novo Proxecto Común, Hermida di que xunto con “Acción galega e Máis Galiza hai un principio de acordo sobre unhas bases de debate programático que EI entendeu aceptábeis aínda que levan o seu ritmo. Nós pensamos que non é cuestión de construír de abaixo a arriba ou de arriba a abaixo, pensamos que ten que ser circularmente”. Contan ter o proxecto pechado de cara ás vindeiras eleccións e Hermida indica como posíbeis candidatos “a Beiras ou a Teresa Táboas, son referentes de primeira orde e será de xente pouco seria non aproveitalos. De todos xeitos ten que ser unha elección aberta”.

Ao feito de relacionaren a súa forza política coa d@s indignad@s, Hermida afirma que “hai iniciativas do 15-M que non asinaría como a petición de que haxa unha circunscrición electoral única en todo o estado.Si me gusta a música, entender que os partidos son entes pechados que non dan explicacións a cidadanía. A xente do común escapa dos partidos. Niso podemos dicir que somos “herdeiros” do espiritu do 15-M.”

Comentarios