Vlogue de Xosé Mexuto

"O xiro á dereita do PP é un lastre para as opcións do PPdeG nas municipais de 2019"

O recente congreso do PP —a vitoria do candidato aznarista fronte á marianista Soraya Sáenz de Santamaría— constitúe todo un regalo para a oposición galega no horizonte das eleccións municipais de 2019, considera o director deste diario dixital, Xosé Mexuto. Para Mexuto, un PP cun perfil máis duro ten menos opcións de recuperar posicións nas locais, nomeadamente nas cidades.

O congreso que entronizou Pablo Casado como novo líder do PP deixa dous titulares: o primeiro, subliñado pola práctica totalidade dos meios, o xiro á dereita da formación; o segundo, opacado pola imprensa amiga de Monte Pío, a emerxencia de fendas que revelan a profunda división que existe no seo do PPdeG.

Fraga legou a Feixóo a "pax fraguiana", unha forma de entender o partido que basicamente consistía en deixar facer aos baróns territoriais. "Feixóo fixo o mesmo [que Fraga] o que pasa é que nos vendeu a moto de que o PPdeG era unha balsa de aceite e que por fin había un só mando, o mando de Monte Pío. Acabamos de ver que iso non é así, que o partido está profundamente dividido", relata no seu vlogue Xosé Mexuto. A división, esclarece, non é só territorial, non só ten que ver co feudo baltariano, senón que é máis complexa e remite tamén para aspectos ideolóxicos: no PP conviven desde saudosos do franquismo até centristas que queren disputar os votos colindantes coa esquerda ou o galeguismo máis mornos. "A división remite tamén para a visión que os distintos sectores teñen sobre o país. Iso si, o país sempre considerado como un apéndice de España", esténdese Mexuto.

Que significa a guerra de faccións no interior do PPdeG, con sectores casadistas e sectores sorayistas? Pois basicamente que Feixóo "dista moito de ter controlado o partido", un hándicap notábel para Monte Pío á hora de lidar coas municipais de 2019. Nese sentido, o director deste dixital entende que, alén das fendas internas, o xiro á dereita é un lastre para as opcións electorais da formación conservadora. "Non lle vai dar votos para capturar as cidades, que é obxectivo do partido", engade. 

"Para a oposición, o congreso do PP foi todo un regalo. Iso habémolo ver nas municipais de 2019 que, creo que vostés son conscientes, son unhas primarias das galegas de 2020", conclúe o director do Sermos dixital.

Comentarios