Ximena González: ''Cando empregas tabúes como 'Otegi' asomes que vas espertar o fascismo''

A concelleira do Bloque en Ourense transladou nun pleno o seu apoio ao dirixente abertzale "preso por defender a liberdade do seu País"

photo_camera [Imaxe: Movemento galego ao socialismo]


Namentres no pleno do Concello de Ourense se debatía unha moción en prol da dación en pagamento e contra os despexos, a edil do Bloque Ximena González exixiu que o PPdG condenase o ataque de Carlos Iturgaiz á Plataforma de Afectad@s polas hipotecas. O ex dirixente do PP vasco equiparou a PAH cunha organización armada ao sinalar que "hoxe é Ada Colau e mañá pode ser Otegi; non se pode premiar organizacións que usan a violencia".

A concelleira do BNG aproveitou para transladar o seu apoio ao preso vasco, subliñando que fica encarcerado "por defender a liberdade do seu País". As súas declaracións non son novidade ningunha. Desde que o Tribunal Constitucional negou a posta en liberdade do secretario xeral de Sortu, as mostras de solidariedade e as peticións para que fique ceibo chegaron até do PSOE: o presidente deste partido en Euskadi, Jesús Eguiguren, visitou na cadea o dirixente abertzale e sinalou, en declaracións á imprensa, que a súa condena é "un despropósito".

Porén, na Galiza, tal apoio provocou unha treboada de reaccións. No propio pleno, PPdG e PSdG pedíronlle que rectificase. Fóra, nas redes sociais proferíronse até ameazas de morte contra ela e a Unión de Gardas Civís redactou un comunicado para condenar as palabras da ourensá, cualificándoas de "auténtica aberración". En poucas horas, Ximena González tornouse o albo da imprensa. 

Como acaba Otegi 'protagonizando' un pleno do Concello de Ourense?

Estabamos a debater o punto número 15 da orde do día, unha moción sobre os despexos que asinabamos todos os grupos políticos con representación. Na miña quenda de intervención falei de como se estaban a adiar os prazos comprometidos na comisión que foi creada ao respeito e solicitei do Goberno (PSdG) un compromiso máis firme.

"O PP é tan responsábel de todo o que aconteceu como o xornal que levou á capa unhas palabras fóra de contexto"

No que respecta ao PPdG, pedín que retirasen as declaracións do seu partido, nomeadamente de Carlos Iturgáiz, porque me parece hipócrita asinar unha moción contra os desafiuzamentos e, ao mesmo tempo, criminalizar unha organización como a PAH --Plataforma de afectad@s polas hipotecas, que vén de recibir un premio tan importante.

Dixen que non me parecía xusto utilizar o nome de Otegi nesa criminalización a Ada Colau, e aproveitei para lle transladar o meu apoio sinalando que está encarcerado por defender a liberdade do seu País. Non houbo máis. 

A que lle apón entón a lea que veu despois?

[sorrí] Cantos deputados do Parlamento español pediron a liberdade de Otegi? Moitos. Aliás, que o faga o Bloque non é tampouco ningunha novidade! Se até xornais como El País escriben artigos de opinión [en concreto, un editorial] onde sosteñen que non ten sentido que fique preso.

Mais, bon, cando empregas palabras tabú asomes que vas carrexar polémica, que vas espertar o fascismo. As miñas palabras están aí: díxenas, direinas e repetireinas, non teño problema. Agora ben, que dun pleno que durou horas La Voz de Galicia abra a súa edición local comigo apoiando Otegi non me parece unha casualidade.

Transladei ao xornalista o meu parecer no sentido de que non se destacasen as cousas realmente importantes e o mesmo medio acaba por me acusar de iniciar unha persecución contra ese traballador --en referencia a un artigo de opinión en que se sinala que "non dubidou en censurar o xornalista e prender a mecha nas redes sociais activando un escrache dixital contra o redactor".

E a persecución contra vostede? No Twitter alguén chegou a pedir que "a ver se cando saia de prisión a mata, por imbécil".

Iso é o que acontece cando os medios de comunicación fan fogos artificiais e levan até o extremo unhas declaracións sacadas de contexto: acaban pedindo a miña cabeza.

Demócratas do PP acaban falando de que me quiten a vida, incendiando as redes sociais. Este partido é tan responsábel de todo o que aconteceu como o xornal que levou á capa unhas palabras fóra de contexto para as empregar contra min.

"Non poden exixir que se retire un posicionamento político. O único que me queda por acrecentar a respeito da Garda Civil é que o meu nome se escribe con 'X'"

Di a Unión de Gardas Civís que "este tipo de declaracións non son propias dunha eleita nun concello". É propio dun corpo militar exixir a rectificación dun cargo público?

Nin dun cargo público nin de ninguén! Quero que se entenda que non apelo á miña "inmunidade" como concelleira para que non se me criminalice polas miñas palabras.

O que manifestei foi a miña opinión como cidadá, avalada pola opinión doutros moitos cidadáns. Non son nin a primeira nin a última que vai reclamar a liberdade de Otegi!

Non poden exixir que se retire un posicionamento político. Dito isto, o único que me queda por acrecentar, a respeito da Garda Civil, é que o meu nome se escribe con 'X'.

Durante o pleno non só o PPdG pediu que retirase o que dixo. Tamén o fixo o PSdG. Que lle parece a postura deste partido, após a visita que o seu presidente en Euskadi visitase Otegi no cárcere para lle transladar a súa solidariedade?

"Non imos amparar a vulneración de dereitos fundamentais nen a criminalización e ilegalización das ideas"

Unha vergoña. É unha vergoña que un partido político que ten cargos institucionais visitando esta persoa e valorando o seu contributo como indispensábel para o proceso de paz en Euskal Herria tencione que eu rectifique as miñas palabras.

Dixen o mesmo que dixo moita xente nese mesmo partido, coa diferenza de que eles probabelmente o fixeron por oportunismo. Por iso se manifestan de maneira diferente en Ourense e en Donosti.

Após intentar o PPdG que o Parlamento condenase "o terrorismo de Resistencia Galega", topando co rexeitamento de toda a oposición, o delegado do Goberno español na Galiza, Samuel Juárez, insiste en lle reclamar tal condena ao Bloque. A que vén este interese?

É a táctica de sempre: cercarnos con declaracións incertas, exixir condenas sobre entidades que non existen, desprestixiar a oposición seria que se está a facer no Parlamento e todo isto ás portas dun xuízo onde pretenden inventar unha organización terrorista --en referencia ao xulgamento os días 24 e 25 de xuño na Audiencia nacional española de catro independentistas galeg@s por "pertenza a banda armada".

"Non vou retirar nada. Ao contrario: reafírmome no que dixen"

O BNG non ten que lle render contas nen ao señor Juárez nen aos partidos do sistema. Ben é sabido que rexeitamos a estratexia da violencia.

Porén, iso non quere dicir que vaiamos amparar a vulneración de dereitos fundamentais, a criminalización e ilegalización das ideas, a persecución de activistas, a dispersión dos presos ou as torturas que, como ben indican as condenas ao Estado español por parte de Europa, se practican nos cárceres españois. 

Que vai facer? Retirará as súas palabras?

Por suposto que non! Non vou retirar nada. Ao contrario: reafírmome no que dixen.

Comentarios