Non é casual que o BNG elixise Rianxo para o encontro nacional de cargos institucionais e orgánicos. A vila mariñeira está gobernada polo nacionalismo desde as últimas municipais, poñendo así fin a tres décadas de maioría socialista, e no seu ADN hai unha parte considerábel deste pensamento. En xullo de 1936 neste pequeno porto mariñeiro había case 270 militantes do Partido Galeguista.
O encontro, que decorreu no auditorio municipal, tiña dous obxectivos principais, como explicou o portavoz nacional, Xavier Vence. Por unha banda, debater e analizar como se pode facer das institucións unha “loita sen tregua” contra as políticas de recortes, “involucionistas e regresivas” do PP e da Troika. Por outra, afianzar a recuperación social e camiñar con ese apoio cara unha Galiza soberana.
“Non imos rendernos porque o futuro de Galiza depende da nosa loita. Somos o partido da dignidade, dos que acreditamos no futuro deste país”
Espíritu de Riotorto
Vence afirmou a necesidade se seguir o que denominou Espírito de Riotorto, “unha forma de facer política nesta conxuntura crítica baseada na prioridade social, na rebeldía cidadá e na insubmisión institucional”. Para iso, apuntou, o BNG debe reforzar a estratexia de rebeldía e insubmisión ás políticas de recortes e de regresión fiscal do PP, así como mostrar desde os concellos nos que goberna o BNG que é posible facer outras políticas.
“O poder municipal pode ser unha trincheira que complemente a loita cidadá na rúa”
“Hai que facer un uso valente das institucións sobre todo desde o poder municipal, que pode ser unha trincheira que complemente a loita da cidadanía na rúa”, afirmou o titular da portavocía nacional.
Así, o BNG debe ser firme alternativa fronte un PP que está “radicalizado” a súa aposta polos recortes e a involución, e que aproveita a crise para facer un cambio de modelo do estado do benestar, privatizando os servizos públicos, e un cambio do modelo competencial, “cara a recentralización esmagante”.
Man con man coa cidadanía
O camiño debe pasar de maneira clara, sostivo o portavoz nacional, por afianzar e avanzar na recuperación social do BNG que apuntan as enquisas, cunha estrutura “cohesionada e ilusionada” que traballa ao lado da cidadanía, dos colectivos e movementos sociais máis activos, na rúa, nos sectores públicos e nos centros de traballo.
“Soberanía para decidir o noso futuro”
“Non imos rendernos porque o futuro de Galiza depende da nosa loita. Somos o partido da dignidade, dos que acreditamos no futuro deste país”, salientou Vence, quen subliñou que nesa defensa é “estratéxico” avanzar na soberanía.
“Unha soberanía que nos permita contar coas mellores ferramentas para decidir o noso futuro, defender os nosos sectores produtivos, para gobernar de acordo aos intereses da sociedade deste país, crear emprego e riqueza, conservar os servizos públicos e unha calidade de vida que faga que esta mereza a pena ser vivida, e vivida aquí”, argumentou.