Xavier Vence ve Galiza "empequenecida" após un ano da vitoria electoral de Feijóo

A unha semana do debate de política xeral, o BNG salienta "os incumprimentos" de Núñez Feijóo a piques de se cumprir un ano das eleccións. O seu portavoz nacional, Xavier Vence, fixo "balanzo xeral" da xestión de Núñez Feijóo e exixiu un "cambio radical" na política da Xunta pois Galiza, di, fica "empequenecida" e "cativa" pola actual xestión.

Xavier Vence [M.Montero]
photo_camera Xavier Vence [M.Montero]

Para o portavoz nacional do BNG, este "é o ano do paro, dos recortes, da estafa das preferentes, da entrega de NGB a fondos estranxeiros", mais tamén "do estourido da grande corrupción no PP" e das "relacións indignas" entre o presidente da Xunta e o narcotráfico. 

Crispación e incumprimentos
Para o líder da fronte nacionalista, este primeiro ano de lexislatura tamén é "o da crispación política" e a "demonización dos movementos sociais". Así lembrou Xavier Vence o comezo do curso político marcado polo veto á cidadanía no Parlamento e a sucesión de manifestacións ás portas dun Pazo do Hórreo que acostuma estar blindado pola policía. 

"Este é o ano do estourido da grande corrupción no PP e das relacións indignas entre Feijóo e Marcial Dorado"

Coa ollada posta no retrovisor, o voceiro nacional do Bloque fixo balanzo deste primeiro ano do que é o segundo mandato para Alberto Núñez Feijóo. Neste senso, Vence salientou "os incumprimentos" do PP á fronte do goberno galego, nomeadamente dalgunhas das promesas que marcaron a súa estratexia electoral. 

"Seguimos agardando" pola carga de traballo nos estaleiros galegos, sinalou o portavoz do BNG, após coñecerse que Pemex adxudicará os floteis a través dun concurso en que concorren 11 candidatos --entre eles, Barreras e Navantia. Da imaxe de Núñez Feijóo asegurando que Galiza "cortará chapa" para a para-estatal mexicana fica só fume. Entrementres, a política económica da Xunta de Galiza deixa tras de si no último ano "33.000 empregos menos e 34.000 filiacións á Seguridade Social" perdidas. 

Moitos destes postos de traballo foron destruídos no sector agrario que adoece polo peche de 4.000 explotacións. "Actualmente temos menos traballo" no agro "do que Murcia, que xa é dicir", denunciou o líder do BNG mentres lembrou que Galiza ten as condicións "para ser potencia" neste sector. 

O orzamento de Galiza volve a niveis de 2002

Apesar de o líder do executivo galego se gabar de ser "un modelo" de xestión para o resto do Estado, desde o BNG critican con dureza "o fracaso absoluto" dunha política económica que "só contribúe para prolongar a recesión e aumentar a débeda", salientou Xavier Vence. 

Galiza contará en 2014 cun orzamento de 8.400 millóns de euros, un presuposto semellante ao de 2002

E é que desde a chegada de Núñez Feijóo á Xunta en 2009 o endebedamento do país incrementouse nun 24% acadando o 16,8% do PIB --segundo os dados do Banco de España. Desde hai catro anos 108.000 traballador@s ficaron no desemprego, deixando máis de 90.000 familias con tod@s @s integrantes no paro, ao tempo que o goberno reduciu o investimento público e as prestacións sociais "de maneira continuada". Cuestión que se manterá no vindeiro 2014 como xa avanzou o propio presidente da Xunta. 

Con 8 mil 400 millóns de euros orzamentados, "Galiza empequeneceu" desde que Núñez Feijóo goberna "a niveis de 2002", explicou o portavoz nacional do BNG para quen o país non só mingua senón "que se fai cativa", dixo, como consecuencia dun "debate político" ridiculizado por un goberno "submiso ás directrices de Madrid", denunciou Vence. 

Desde 2009 108 mil persoas ficaron no desemprego e a débeda de Galiza incrementouse nun 24%

Este "é o ano dun goberno que só é capaz de ser insubmiso para agredir". Xavier Vence lembrou os incumprimentos da Xunta de Galiza en materia xudicial após media ducia de sentenzas que exixen a derrogación parcial do decreto do plurilingüismo e obriga o executivo a respectar a lei en materia lingüística. 

Explosión en Beade
O líder da organización frontista amosouse prudente perante a explosión que tivo lugar de madrugada na casa consistorial de Beade. Xavier Vence dixo non dispor dos dados reais que esclarezan a causa dos acontecementos mais, engadiu, "condenamos calquera tipo de violencia" con "calquera finalidade" pois, acrecentou, "iso non resolve os problemas". 

Comentarios