Amplísimo respaldo do Consello á candidatura que encabeza Vence á Asemblea Nacional do BNG do 17-M

Guillerme Vázquez asegura que a proposta que concorrerá á Asemblea nacional é "plural e ilusionante" e define o candidato Xavier Vence como "idóneo para encabezar esta nova etapa". A proposta que lidera Vence obtivo este sábado un amplísimo apoio do Consello Nacional. Tal e como adiantou Sermos Galiza, a candidatura supón unha renovación sen precedentes na dirección executiva. 12 caras novas. Só repiten Francisco Jorquera, Montse Prado e Rafa Vilar.
Xavier Vence e Guillerme Vázquez [Imaxe de arquivo]
photo_camera Xavier Vence e Guillerme Vázquez [Imaxe de arquivo]

Este sábado, o Consello nacional do Bloque Nacionalista Galego presentou a listaxe de persoas que compoñen a única proposta do máximo órgano entre asembleas da organización frontista. 50 persoas que representan unha moi importante renovación a respeito da súa composición anterior e que conta co apoio da "inmensa maioria" d@s membros do Consello, segundo afirmou o aínda portavoz nacional Guillerme Vázquez. 

Goretti Sanmartín Rei e Francisco Jorquera encabezan xunto a Xavier Vence a proposta do Consello Nacional do BNG

Neste senso, xunto ao catedrático en Economía, encabezan a listaxe Goretti Sanmartón Rei, profesora da UdC e responsábel até o de agora da Comisión de Acción feminista da organización frontista e Francisco Jorquera, voceiro nacionalista no Parlamento galego. Aliás, salienta a presenza da eurodeputada do BNG Ana Miranda e do ex-deputado Bieito Lobeira. A proposta para conformar a Executiva, que se compón de 15 membros (d@s que so fican tres nomes da anterior etapa), complétase cos nomes de Montse Prado, deputada e actual secretaria de Organización; Rafael Vilar, concelleiro do BNG en Santiago de Compostela e dirixente do Movemento Galego ao Socialismo; Rosana Pérez, deputada da organización frontista no Congreso español; Néstor Rego, secretario xeral da UPG; Xiména González, Xabier Campos, María do Mar Vila, Xosé Antonio Rubal, Saleta Chao e Hadrián Diós Vicente, estes últimos militantes de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG. 

Tal e como adiantou Sermos Galiza, a proposta contempla unha renovación sen precedentes na dirección executiva. 12 caras novas.

Segundo afirmou o portavoz nacional, Guillerme Vázquez a listaxe que será submetida á consideración da militancia o vindeiro 17 de marzo -e que presumibelmente será a única que concorra- é "plural" e conta cun "importante peso político". Asemade, salientou a presenza de numerosas persoas vencelladas aos movementos sociais. Destarte, considerou que as cincuenta persoas que compoñen a candidatura ao Consello Nacional poden facer un bo traballo político" para o que  Xavier Vence --candidato á portavocía nacional-- contará co seu "apoio incondicional". 

Guillerme Vázquez: "Estou seguro de que Xavier Vence desenvolverá un gran papel político e contará co meu apoio incondicional"

Guillerme Vázquez, que deixará a portavocía nacional após case tres anos á fonte do BNG, asegurou que o catedrático de Economía Aplicada da USC "desenvolverá un importante papel político"; porén, salientou que "o vindeiro período se caracterizará polo traballo colectivo". Neste senso, dixo non crer "un obstáculo" que Xavier Vence se manteña como profesor da USC e combine a súa actividade profesional coa portavocía da organización frontista, tal e como el manifestara ser a súa vontade. 

Guillerme Vázquez amosouse "satisfeito" polo traballo realizado e "agradecido" pola confianza que a militancia despositou nel

O aínda voceiro nacional despediuse do que foi o seu último Consello nacional á fronte do Bloque. Guillerme Vázquez asegurou sentirse "moi satisfeito" co traballo desenvolvido durante estes anos (foi eleito portavoz nacional, por vez primeira, en Maio de 2009; revalidou a súa condición como tal en Xaneiro de 2012) malia a que ironizou: "Ao igual que os dianteiros de fútbol, non son eu quen debo xulgarme". O nacionalista considerou ter desenvolvido "o meu labor como mellor souben" e salientou a súa "entrega e esforzo" durante o tempo que exerceu a portavocía da organización política. "Fíxeno o mellor que puiden" subliñou. Guillerme Vázquez fecha a listaxe que será sometida a consideración da militancia na vindeira Asemblea nacional após ser eleito voceiro nacional en dúas ocasións, nun tempo en que el mesmo considerou "tivemos momentos moi difíciles". 

Comentarios