Xavier Vence valora como positivo o clima das reunións con forzas soberanistas

Así o asegurou esta segunda feira en comparecencia de imprensa onde reiterou o convite a aquelas organizacións, dixo, que aínda non aceptaron ter unha "xuntanza formal"

Malia apuntar que a rolda de contactos aínda "non está completa" Xavier Vence amosouse satisfeito polos primeiros resultados que se están a tirar das xuntanzas. Neste senso, salientou "o clima favorábel ao entendemento e colaboración" entre formacións do espectro soberanista cuxo obxectivo é   artellar unha "resposta" contra as políticas neoliberais e centralistas postas a andar desde o Goberno español "coa connivencia" da Xunta.

O portavoz nacional do BNG emprazou ás formacións que aínda non o fixeron a responder ao "convite" lanzado pola organización frontista á fin de manter "unha xuntanza formal" entre as direccións

Após unha primeira rolda de contactos que se materializou en xuntanzas coas direccións políticas de Compromiso por Galicia, Nós-UP e Causa Galiza Vence asegurou que tanto o BNG como as demais formacións partillan a necesidade de reaxir "con contundencia" aos "problemas fundamentais de Galiza" e valorou "o clima" en que se están a desenvolver estes encontros. 

Tamén así as demais formacións saudaron a iniciativa do BNG e valoraron de maneira positiva o clima en que se desenvolveron os encontros. Embora CxG rexeitase a priori algunha das propostas que centraron a xuntanza o seu líder, Xoan Báscuas parabenizou á formación encabezada por Xavier Vence pola vontade amosada de procurar espazos de diálogo entre o nacionalismo. Tamén así desde Nós-UP afirmaron estar a "sentar un novo clima de confianza" co Bloque logo de que durante anos as relacións entre ambas as dúas formacións se caracterizasen pola "ausencia de diálogo". 

No entanto, salientan desde o BNG, até o momento non todas as formacións soberanistas responderon ao convite. Neste senso, o líder do Bloque instou ás organizacións nacionalistas que aínda non o fixeron a aceptalo á fin de desenvolveren "unha xuntanza formal". 

Comentarios